A Xunta apoia á Fundación Nosa Terra na homenaxe aos galegos que traballaron na construción da Canle de Panamá

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, destacou durante o evento, no que estivo presente o presidente de Panamá, Laurentino Cortizo,  que é “unha honra” que o país centroamericano conte cun memorial que recorde o labor daqueles 8.000 galegos, engadindo que esta iniciativa “é unha cuestión de xustiza”.

  • O presidente de Panamá, o secretario xeral da Emigración e o presidente da Fundación Nosa Terra, no acto celebrado onte na capital panameña
    O presidente de Panamá, o secretario xeral da Emigración e o presidente da Fundación Nosa Terra, no acto celebrado onte na capital panameña
  • Imaxe do acto, organizado pola Fundación Nosa Terra, celebrado onte na capital panameña
    Imaxe do acto, organizado pola Fundación Nosa Terra, celebrado onte na capital panameña
  • O secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia, durante a súa intervención no acto celebrado onte na capital panameña
    O secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia, durante a súa intervención no acto celebrado onte na capital panameña
Homenaxe aos 8.000 galegos que traballaron na construción da Canle de Panamá
Listen to this page using ReadSpeaker
Cidade de Panamá, 29 de abril de 2022.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiu na noite de onte á cea de gala organizada pola Fundación Nosa Terra e que tivo como obxectivo apoiar a execución dun monumento en homenaxe aos galegos que traballaron na construción da Canle de Panamá a comezos do século XX.

O evento celebrouse na Sociedad Española de Beneficiencia, e na mesma estiveron presentes tamén o presidente do país, Laurentino Cortizo, o ministro de Obras Públicas de Panamá, Rafael Sabonge, a ministra de Cultura, Giselle González, o embaixador de España, Francisco Javier Padalgay, e o presidente de Nosa Terra, Ricardo Gago, promotora destacada do recoñecemento aos traballadores galegos.

A celebración contou ademais  cun saúdo, a través dun vídeo, do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no que trasladou á Fundación e á sociedade panameña o agradecemento de Galicia porque se estean a desenvolver este conxunto de accións de homenaxe aos galegos que colaboraron na execución da Canle de Panamá, entre as que se atopa a construción dun memorial a través do que se recorde a aqueles que contribuíron a executar unha das obras de infraestruturas máis importantes dos nosos tempos e que se converteu nun símbolo da unión entre os pobos polo ben común.

Pola súa banda, o secretario xeral da Emigración destacou que “esta é unha proba máis de universalidade do pobo galego e de que a humildade non impide a grandeza das persoas e das súas obras”, evidenciándose, unha vez máis, que a pegada dos galegos está presente en moitos lugares do mundo, sendo particularmente evidente no continente americano. 

Segundo engadiu Miranda, é “unha honra” que o país centroamericano conte cun memorial que recorde o labor daqueles 8.000 galegos que traballaron na execución do Canal, engadindo que esta iniciativa “é unha cuestión de xustiza”

A idea de construción deste memorial chegou da man da Fundación Nosa Terra en pleno confinamento pola covid-19, resultado da recollida de datos sobre os galegos que participaron nesta obra que destacaron precisamente pola súa gran capacidade de traballo, tal e como quedou recollido nos escritos do enxeñeiro xefe, John Frank Stevens, quen asegurou que cada galego valía por tres dos seus compañeiros. Estes eran traballadores humildes, pero a súa obra é de singular grandeza.

379 lecturas