Emigración destina 850.000 euros a accións encamiñadas directamente ao fomento do retorno

Todo o aumento do orzamento do departamento que dirixe Rodríguez Miranda emprégase integramente nas “Bolsas de excelencia para a mocidade no Exterior”.

Ademais, mantense a liña de apoio ás e aos emprendedores retornados, e tamén as axudas extraordinarias para facer fronte a situacións que requiren atención urxente.

Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración
Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2017.

A Secretaría Xeral da Emigración destina no seu orzamento deste ano que hoxe comeza un total de 850.000 euros a tres liñas de actuación directamente encamiñadas á axuda ás persoas que viven fóra do territorio galego e que desexan fixar a súa residencia na Comunidade Autónoma.

Así, póñense en marcha neste 2017 as bolsas específicas para captar á mocidade galega no Exterior mellor formada, e fomentar o seu retorno á Galicia territorial. As “Bolsas de excelencia para a mocidade no Exterior”, que xestionará Emigración en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, as universidades galegas, e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, queren atraer cada ano a galegas e galegos que viven fóra para que rematen aquí a súa formación, traballen en Galicia e fixen definitivamente a súa residencia no territorio galego.

Esta nova medida captará para Galicia o talento máis brillante de entre os mozos e mozas residentes fóra, fomentando o retorno da poboación activa laboral e contribuíndo a fixar novos e novas residentes no territorio. A oferta centrarase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego, con especial atención aos estudos relacionados co sector primario. Trátase da principal novidade no orzamento para 2017 da Secretaría Xeral da Emigración, e nela se inviste integramente o incremento do mesmo: 500.000 euros.

Emprendedores e emprendedoras
Ademais das Bolsas de Excelencia para a Mocidade no Exterior, mantéñense as dúas liñas de exercicios anteriores. Por unha banda, o fomento do retorno emprendedor a través das axudas de autoemprego e creación de empresas por parte de persoas emigrantes retornadas.

Nos tres anos anteriores, esta medida impulsou a posta en marcha de máis de medio centenar de negocios. As subvencións, cunha contía máxima que pode chegar a 8.000 euros por proxecto, complementan -sen excluílas- as axudas doutros departamentos autonómicos, e doutras administracións, para autónomas e autónomos e persoas emprendedoras.

O seu obxectivo é aproveitar os coñecementos e experiencia dos galegos e galegas no Exterior, facilitando o seu retorno á terra natal, axudando a fixar poboación activa que xera emprego na súa volta á terra. Para esta segunda liña Emigración mantén o orzamento global de 150.000 euros.

Axudas urxentes
Finalmente, o departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda non esquece a aquelas persoas que, por diversas causas vitais, requiren unha actuación máis dinámica e veloz por parte da Administración autonómica. Así, Emigración fai un acompañamento urxente a quen o necesita a través das “Axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas” (pago único por persoa retornada), destinadas a facer fronte a aquelas causas sobrevidas derivadas do retorno e que requiren dunha atención social perentoria. Para esta liña de actuación destínanse este ano nos orzamentos da Secretaría 200.000 euros.

Con estas tres liñas, preténdese cumprir un dos compromisos prioritarios establecidos para esta lexislatura polo Goberno galego: manter e mellorar as liñas de apoio ao retorno. Cómpre neste sentido salientar que o cento por cen do aumento do orzamento da Secretaría Xeral da Emigración vai destinado precisamente a captar talento e poboación, entre aquelas e aqueles galegos residentes no Exterior e que queiran fixar a súa residencia en Galicia, a través das Bolsas de excelencia para a mocidade no Exterior.

“Estas tres liñas de actuación da Secretaría Xeral da Emigración son parte da estratexia global da Xunta para captar poboación residente fóra do territorio: unha estratexia transversal que abrangue a varios departamentos. Así, ademais das nosas medidas, cómpre lembrar que as consellerías de Economía, Emprego e Industria; de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; de Política Social; do Medio Rural; e outros departamentos autonómicos, desenvolven iniciativas que tamén perseguen o mesmo obxectivo: que toda aquela galega e todo aquel galego que queira volver á terra poida facelo”, segundo sinala o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.

3085 lecturas