A Xunta inviste 2M€ en axudas para impulsar o emprego estable en pequenas empresas de nova creación e iniciativas de base tecnolóxica, ás que poden acollerse as e os galegos retornados

O Diario Oficial de Galicia publicou as bases dos dous programas cos que se aspira a apoiar a 350 empresas e autónomas e autónomos de Galicia en 2022.

A actuación, nos dous casos, inclúe axudas ata un máximo de 3.000 euros para sufragar o custo dos servizos das escolas infantís ou a contratación dunha persoa para o coidado de menores ou persoas maiores. 

As empresas interesadas poderán solicitar estas axudas ata o 31 de xullo, no caso das pequenas empresas de nova creación, e ata o 30 de setembro para as empresas de base tecnolóxica.

Estas axudas forman parte das preto de 60 medidas que integran a Estratexia Galicia Retorna
Estas axudas forman parte das preto de 60 medidas que integran a Estratexia Galicia Retorna
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2022.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) acaba de publicar, cun investimento de dous millóns de euros, os programas de axudas para pequenas empresas de nova creación e para as compañías e proxectos de autónomas e autónomos cualificados como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT). O obxectivo do Goberno galego con esta actuación é fomentar e favorecer o emprego estable. Estes apoios aspiran a chegar a 350 empresas (pequenas de nova creación e firmas tecnolóxicas). As galegas e galegos retornados poden acollerse a estas axudas que forman parte da Estratexia Galicia Retorna.

Dun lado, as axudas destinadas ás pequenas empresas de nova creación contan cun orzamento de 1,5 millóns de euros. Para a xeración de emprego estable, a orde establece apoios de 2.000 a 9.000 euros por posto de traballo creado ata un máximo de 10; para impulsar a formación financiarase ata o 75% do custo do programa formativo ata un máximo de 3.000 euros por empresa; para sufragar os gastos do inicio da actividade inclúense axudas de 2.000 a 9.000 euros por cada emprego subvencionable, ata un máximo de 10; e para apoiar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras establécese ata un máximo de 3.000 euros para sufragar o custo das escolas infantís ou servizos de coidado de maiores ou dependentes  (financiarase o 75% do custo dos servizos) ou a contratación dunha persoa que apoie a tarefa do coidado das e dos menores ou persoas maiores. En global, o financiamento máximo será de 22.000 euros por persoa beneficiaria. 

As beneficiarias destas axudas serán as pequenas empresas de nova creación que sexan viables técnica, económica e financeiramente; que xeren emprego estable para persoas desempregadas; que sexan promovidas como máximo por cinco persoas e que entre as e os promotores non figure ningunha persoa xurídica; que o capital social máximo sexa de 120.202 euros; e que, como mínimo, o 50% do seu capital social sexa titularidade das e dos promotores que sexan desempregados e creen o seu propio posto de traballo na empresa. 

Empresas de base tecnolóxica 
Con respecto ao programa dirixido ás iniciativas de base tecnolóxica, investiranse 500.000 euros para impulsar o desenvolvemento destes proxectos. Serán beneficiarias as empresas privadas, incluídos as e os autónomos, que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial fora cualificado como IEBT. Trátase de aproveitar o potencial empresarial das persoas dedicadas á investigación e con coñecementos tecnolóxicos coa finalidade de impulsar a transformación do coñecemento creado nas universidades e nos centros de investigación en proxectos xeradores de riqueza e de emprego. 

A creación directa de emprego estable nas iniciativas de base tecnolóxica recibirá inxeccións de 6.000 ata 22.500 euros por posto creado, dependendo as contías da idade, sexo ou titulación das persoas contratadas. Prevense ademais apoios para a contratación de persoal técnico de alta cualificación (máximo de 18.000 euros para todas as contratacións) e para a posta en marcha do proxecto empresarial (ata 24.000 euros segundo os postos estables creados no primeiro ano de actividade). Como novidade nesta edición, inclúense tamén axudas para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras, financiándose ata o 75% do custo dos servizos das escolas infantís ou servizos de coidado de maiores ou dependentes, ata un máximo de 3.000 euros, ou a contratación dunha persoa que apoie a tarefa do coidado das e dos menores ou persoas maiores. En global, a contía máxima que poderá recibir cada empresa será de 48.000 euros.  

Ademais, nos dous programas, tanto empresas de nova creación como de iniciativa tecnolóxica, os apoios incrementaranse nun 25% se a persoa incorporada pertence a colectivos con dificultade de inserción laboral como mulleres, traballadoras e traballadores maiores de 45 anos ou emigrantes retornadas e retornados, entre outros. Este aumento aplicarase tamén no caso de que o centro de traballo estea situado nun concello rural. As empresas interesadas poderán solicitar estas axudas ata o 31 de xullo, no caso das pequenas empresas de nova creación e ata o 30 de setembro para as empresas de base tecnolóxica. 

A consolidación dun emprego de calidade, estable e que insira na empresa os valores da conciliación laboral e da formación continua forman parte das políticas activas de emprego da Xunta, onde os colectivos máis vulnerables teñen a debida cabida e apoio. O Goberno autonómico presta deste xeito unha especial atención, tamén, ao emprego da Galicia do mañá, o emprego de base tecnolóxica, no que quere ser unha aposta pola innovación e a creación de postos de traballo de alta cualificación.

287 lecturas