A Xunta incentiva a contratación de emigrantes retornados e retornadas cun incremento do 25 % nas axudas xerais da Consellería de Industria á consolidación de emprego
O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar os programas de incentivos á contratación nas pemes e as axudas para a consolidación do emprego nas pequenas empresas tecnolóxicas e de nova creación.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria dedica 4,2 millóns para incentivar en 500 pemes a contratación de 550 persoas desempregadas con máis dificultades para atopar un emprego con axudas que poden chegar aos 8.000 euros.
Establécese por primeira vez neste programa a posibilidade dun bono formación de 1.000 euros por cada persoa contratada.
Para fomentar o emprego de 300 traballadoras e traballadores en 195 novas pemes e nas iniciativas de emprego de base tecnolóxica destínanse máis de 2,7 millóns.

A Xunta de Galicia incentiva a contratación de persoas emigrantes retornadas en empresas ordinarias a través da fixación dun incremento de ata o 25 % na contía destinada ás axudas xerais concedidas para este fin pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Así queda recollido no Diario Oficial de Galicia (DOG), que vén de publicar as axudas que presta o Executivo autonómico para impulsar a contratación nas pemes e para a consolidación do emprego nas pequenas empresas tecnolóxicas e de nova creación, ás que destinará este ano preto de 7 millóns de euros.
Dunha banda, ábrese a partir do luns e ata o 15 de outubro o prazo para solicitar os incentivos á contratación nas pemes, dotado con 4,2 millóns de euros, para favorecer o emprego de 550 persoas con máis dificultades para atopar un traballo en 500 empresas. Por medio desta actuación, as compañías terán a oportunidade de obter axudas para a contratación e formación por conta allea. Por unha banda, a contratación inicial, cunha duración mínima dun ano, apoiarase cun bono de 4.000 euros sempre que a desempregada ou desempregado sexa parado de longa duración, presente algunha discapacidade ou se atope en situación ou risco de exclusión social. Esta contía aumentará nun 25% para as mulleres, maiores de 45 anos, persoas emigrantes retornadas e se a empresa está situada no rural, polo que a contía máxima de axuda deste programa poderá alcanzar os 8.000 euros.
Como novidade, inclúese un bono de 1.000 euros de formación por cada persoa contratada que será opcional para as empresas.
Empresas de nova creación e base tecnolóxica
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, doutra banda, inviste máis de 2,7 millóns de euros para o programa de fomento e consolidación do emprego para as pequenas empresas de nova creación e as cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT). Con esta actuación prevé beneficiar ao redor de 300 traballadoras e traballadores en 195 firmas.
Para impulsar o emprego nas pequenas empresas de nova creación establécense axudas para a xeración de emprego estable, a formación xerencial e/ou directamente relacionada coa actividade que se vai desenvolver ou para o inicio de actividade, financiando gastos relacionados cos honorarios de notaría e rexistro, arrendamento do local, maquinaria ou equipamentos informáticos, entre outros. O prazo de solicitude neste caso xa está aberto e remata o próximo 31 de xullo.
Apóiase tamén a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras destas empresas co 75% do custo da escola infantil dos fillos e fillas menores de 3 anos cun máximo de 3.000 euros. Poderán ser beneficiarias destes apoios as empresas que sexan promovidas como máximo por 5 persoas, cun capital social máximo de 120.202 euros, sendo como mínimo o 50% titularidade de promotores que sexan persoas desempregadas e creen o seu propio posto de traballo na empresa.
O programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cuxo prazo de solicitude acaba o 1 de outubro, pretende dinamizar a vocación emprendedora da comunidade universitaria e aproveitar o potencial empresarial das persoas dedicadas á investigación e con amplos coñecementos das novas tecnoloxías. Do que se trata é de impulsar a transformación do coñecemento creado nas universidades e nos centros de investigación en proxectos xeradores de riqueza e emprego. Esta iniciativa, polo tanto, está dirixida a fomentar o espírito innovador e emprendedor, principalmente entre as e os investigadores e tituladas e titulados universitarios de calquera área do coñecemento científico, técnico ou humanístico.
As e os beneficiarios destas axudas son as empresas e autónomas e autónomos que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT. Concederanse axudas á creación directa de emprego estable, para a contratación de persoal técnico de alta cualificación e para a posta en marcha do proxecto empresarial. Os apoios poden alcanzar os 24.000 euros.
As contías base dos dous programas incrementaranse nun 25% para as mulleres, persoas emigrantes retornadas, maiores de 45 anos e no caso de que a compañía estea situada no rural. Deste xeito, a axuda máxima será de 22.000 euros por beneficiario no caso de pequenas empresas de nova creación e de 48.000 euros para as IEBT.
Esta actuación está enmarcada na liña que segue o Goberno galego para impulsar en Galicia o emprendemento a través da innovación e as novas tecnoloxías.
Novas relacionadas