A Xunta consolida os incentivos á contratación de emigrantes retornadas e retornados cun incremento do 25 % nas axudas xerais da Consellería de Industria á consolidación de emprego

O Goberno galego impulsa o emprego de 4.400 autónomas e autónomos e a consolidación de 535 pequenas empresas de nova creación e de base tecnolóxica, para o que  investirá máis de 14 millóns de euros en 2019.

Apoiarase con 2.000€ o inicio de actividade de 3.800 autónomas e autónomos, unha contía que se duplicará ata os 4.000€ para as e os menores de 30 anos, os parados e paradas de longa duración, as persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social.

As axudas xerais para que as e os autónomos contraten a 240 traballadoras e traballadores indefinidos en 120 empresas oscilarán entre os 3.000€ e 7.000€ podendo chegar ata os 15.750 se a persoa beneficiada pertence aos colectivos definidos como prioritarios.

Co segundo dos programas refórzase o emprego de 380 traballadoras e traballadores e a consolidación de 415 pequenas empresas de nova creación e de base tecnolóxica.

En 2019 o Goberno galego investirá máis de 14 millóns de euros nestes programas
En 2019 o Goberno galego investirá máis de 14 millóns de euros nestes programas
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2019.

A Xunta de Galicia renova o seu compromiso de integración laboral coas cidadás e os cidadáns galegos que queren regresar á súa terra de orixe coa consolidación dos incentivos á contratación de emigrantes retornadas e retornados en empresas ordinarias a través da fixación dun incremento de ata o 25 % na contía destinada ás axudas xerais concedidas para este fin pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou as axudas que presta o Executivo autonómico para impulsar a contratación nas pemes e para a consolidación do emprego nas pequenas empresas tecnolóxicas e de nova creación, que xa en 2018 incluíron de xeito explícito o colectivo de persoas retornadas entre os beneficiarios e beneficiarias de incentivos concretos, e que nesta nova convocatoria confirman esta aposta.

A Xunta apoiará este ano con máis de 14 millóns de euros o inicio de actividade e a consolidación do emprego de 4.400 autónomas e autónomos e o impulso de 535 pequenas empresas de nova creación e/ou cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBTs). Ademais de para as e os emigrantes retornados, as contías increméntanse nun 25% para as mulleres, as persoas maiores de 45 anos, as persoas trans e cando o centro de traballo estea emprazado no rural.

O primeiro dos programas, cuxo prazo de solicitude remata o próximo 30 de setembro, inclúe dúas iniciativas: incentivos para apoiar o inicio de actividade de 3.800 autónomas e autónomos cun investimento de máis de 10 millóns de euros; e axudas para que as e os autónomos contraten a 240 traballadoras e traballadores indefinidos en 120 empresas, cun orzamento de 1,35 millóns.

No primeiro caso, apoiarase o emprego das e dos autónomos con 2.000 euros, unha contía que se pode duplicar ata os 4.000 euros para as e os menores de 30 anos, os parados e paradas de longa duración e as persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social. O obxectivo desta actuación é facilitar e axilizar a posta en marcha de novas iniciativas empresariais. Fináncianse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional que, cumprindo os requisitos da orde de axudas, se formalicen desde o 1 de outubro de 2018 ata o 30 de setembro de 2019, ambos inclusive. En 2019, ao igual que neste exercicio, non se esixirá un investimento inicial para recibir esta axuda.

Para as axudas para impulsar a contratación indefinida, a Consellería de Economía, Emprego e Industria financia con 3.000 euros a contratación do primeiro traballador ou traballadora cando se trate dunha persoa desempregada, que aumentará ata os 5.000 euros para os parados e paradas de longa duración e persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social. Para as contratacións do segundo e terceiro traballador ou traballadora, o autónomo ou autónoma recibirá unha contía de 5.000 euros se a persoa é desempregada, que se incrementará ata os 7.000 euros para as e os parados de longa duración e persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social. 

Este programa para autónomas e autónomos conta, deste xeito, con axudas que oscilan entre os 2.000 e os 15.750 euros tendo en conta o incremento do 25% para os colectivos prioritarios para o Goberno galego.

Empresas de nova creación e base tecnolóxica
O segundo dos programas tamén inclúe dúas actuacións: o fomento e a consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación que conta cun orzamento de 2,2 millóns de euros para apoiar a 350 traballadoras e traballadores e 400 empresas e cuxo prazo de solicitude remata o próximo 31 de xullo; e os incentivos para as empresas cualificadas como Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT) cun investimento de 400.000 euros para impulsar o traballo de 30 persoas beneficiando a 15 empresas. Neste caso, as inscricións poden presentarse ata o próximo 30 de setembro.

Para a consolidación de pequenas empresas de nova creación, a Xunta concede incentivos para favorecer a creación de emprego estable mediante axudas por posto de traballo creado de entre 2.000 e 9.000 euros cun máximo de 10 postos; axudas para a formación cun máximo de 3.000 euros por empresa; para o inicio de actividade apoiando os primeiros gastos como os honorarios de notaría e rexistrais, compra de mercadorías, arrendamento do local, maquinaria e equipamentos informáticos ou gastos vinculados a publicidade ou posta en marcha da web cunha contía de entre 2.000 e 9.000 euros por emprego ata un máximo de 10; e apoios para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras da compañía financiando o custo da escola infantil para as fillas e os fillos menores de tres anos cun máximo de 3.000 euros. Deste xeito, a axuda máxima alcanza os 186.000 euros.

O programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) pretende dinamizar a vocación emprendedora da comunidade universitaria e aproveitar o potencial empresarial das persoas dedicadas á investigación e con amplos coñecementos das novas tecnoloxías. Do que se trata é de impulsar a transformación do coñecemento creado nas universidades e nos centros de investigación en proxectos xeradores de riqueza e emprego. Esta iniciativa, polo tanto, está dirixida a fomentar o espírito innovador e emprendedor, principalmente entre os investigadores e investigadoras e tituladas e titulados universitarios de calquera área do coñecemento científico, técnico ou humanístico.

As e os beneficiarios destas axudas son as empresas e autónomos cun proxecto empresarial cualificado previamente como IEBT. Concederanse axudas á creación directa de emprego estable, para a contratación de persoal técnico de alta cualificación e para a posta en marcha do proxecto empresarial. Os apoios poden alcanzar os 64.500 euros.

Son estas contías base dos dous programas as que poden incrementarse nun 25% para as mulleres, emigrantes retornadas e retornados, maiores de 45 anos, persoas trans e no caso de que a compañía estea situada no rural. 

1107 lecturas