A Xunta amplía en preto dun 50% o crédito para apoiar iniciativas empresariais de base tecnolóxica con incentivos para as galegas e galegos retornados

Trátase dunha medida que se atopa incluída na Estratexia Galicia Retorna e que conta con incentivos dun 25% máis para galegas e galegos do exterior retornados.

O Goberno galego impulsa con este programa a contratación de persoal técnico de alta cualificación e a creación de emprego estable. 

Unha mesma empresa pode acceder a un apoio máximo de 64.500 euros.

En 2021 o número de solicitudes presentadas aumentou en máis dun 80%
En 2021 o número de solicitudes presentadas aumentou en máis dun 80%
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2021.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a ampliación do crédito en preto dun 50% do programa de axudas co que a Xunta apoia ás iniciativas empresariais de base tecnolóxica (IEBTs). O incremento do orzamento en 240.000 euros permitirá atender todas as solicitudes que se presentaron na convocatoria deste ano e que cumpren cos requisitos.

Trátase dunha medida que se atopa incluída na Estratexia Galicia Retorna e que conta con incentivos dun 25% máis para galegas e galegos do exterior retornados. 

En 2021 o número de solicitudes presentadas aumentou en máis dun 80% con respecto a outras edicións e do total de peticións denegáronse só dúas, o que demostra o éxito da iniciativa, xa que os promotores, desde o inicio do procedemento, estiveron tutelados por unha rede específica formada por equipos especializados no estudo e asesoramento destas empresas. 

As axudas chegarán a 56 empresas este ano e en total a Xunta investirá 740.000 euros para impulsar e favorecer o desenvolvemento de iniciativas de emprego con base tecnolóxica e aproveitar, deste xeito, o potencial formativo de galegas e galegos.

O programa, en concreto, está dirixido a incentivar ás empresas previamente cualificadas no correspondente rexistro como iniciativas de emprego de base tecnolóxica. Trátase de aproveitar o potencial empresarial das persoas dedicadas á investigación e con coñecementos tecnolóxicos coa finalidade de impulsar a transformación do coñecemento creado nas universidades e nos centros de investigación en proxectos xeradores de riqueza e de emprego.

A creación directa de emprego estable nas iniciativas de base tecnolóxica recibirá inxeccións de 6.000 ata 22.500 euros por posto creado, dependendo as contías da idade, sexo ou titulación das persoas contratadas. Prevense ademais apoios para a contratación de persoal técnico de alta cualificación (máximo de 18.000 euros para todas as contratacións) e para a posta en marcha do proxecto empresarial (ata 24.000 euros segundo os postos estables creados no primeiro ano de actividade). Todas estas axudas son complementarias entre si, polo que unha mesma empresa poderá acceder a unha cantidade máxima de 64.500 euros.

Ademais, os apoios incrementaranse nun 25% se a persoa incorporada pertence a colectivos con dificultade de inserción laboral como mulleres, traballadores maiores de 45 anos ou emigrantes retornadas e retornados, entre outros. Este aumento aplicarase tamén no caso de que o centro de traballo estea situado nun concello rural.

A consolidación dun emprego de calidade, estable e que insira na empresa os valores da conciliación laboral e da formación continua forman parte das políticas activas de emprego da Xunta, onde os colectivos máis vulnerables teñen a debida cabida e apoio. O Goberno autonómico presta deste xeito unha especial atención, tamén, ao emprego da Galicia do mañá, o emprego de base tecnolóxica, no que quere ser unha aposta pola innovación e a creación de postos de traballo de alta cualificación.

289 lecturas