A Xunta impulsa a promoción do Camiño de Santiago en Australia

O número de peregrinos australianos chegados a Compostela triplicouse nos últimos sete anos

A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo vén de desenvolver unha importante campaña de promoción da Ruta Xacobea no país oceánico. A directora xerente do Xacobeo mantivo en Melbourne diferentes encontros con autoridades locais que acadaron importantes avances na promoción de Galicia e da Ruta Xacobea en Australia

Entre os acordos para divulgar o Camiño de Santiago destaca a montaxe dunha exposición fotográfica que itinerará polas principais cidades do país. Do mesmo xeito, o festival cultural ‘Ventana’ dedicarase á Ruta Xacobea e o vixésimo ‘Celtic Festival’ de 2012 terá como eixo principal a Galicia e a Bretaña

Listen to this page using ReadSpeaker

Xacobeo 2011A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo vén de desenvolver en Australia unha campaña de promoción e posta en valor do Camiño de Santiago no marco dunha misión comercial organizada pola Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vigo e na que tamén participa institucionalmente a Universidade de Santiago de Compostela. A directora xerente do Xacobeo, Camino Triguero, encabezou a representación institucional da Xunta de Galicia nesta campaña que acrecentou o interese que as peregrinacións veñen suscitando no sur asiático. Desde o ano 2004, no que se rexistraron oficialmente 480 peregrinos australianos, a progresión de Australia é constante na clasificación de nacións que máis peregrinos aportan, ocupando actualmente o posto número 16, xusto detrás de Corea, outro país en sorprendente e constante crecemento. No presente ano 2011 xa recolleron a súa Compostela 1.388 peregrinos australianos.

Nesta acción promocional, a directora xerente mantivo diversos encontros con autoridades e responsables locais de institucións relacionadas co turismo e a cultura. O cónsul xeral de España en Melbourbne, Gerardo Bugallo; o director do Instituto Cervantes en Sidney, Isidoro Castellanos; ou o manager xeral da empresa que representa os intereses de firmas españolas en Australia, Jacques Reynaud; ocuparon a axenda da directora xerente, así como outras xuntanzas con responsables das universidade australianas, titulares do departamento de español en Melbourne e diversos centros culturais e oficinas consulares españolas. Asemade, dentro do campo da industria turística, á xerente mantivo encontros con turoperadores locais que permitirán responder ao enorme interese que as peregrinacións xacobeas experimentan neste continente.

Produto da acción promocional do Xacobeo en Australia, o importante festival cultural do mundo hispano ‘Ventana’, que cada ano celébrase durante a primavera na localidade de Frankston (situada na baía e área metropolitana de Melbourne), dedicará integramente a súa programación do ano 2012 ao Camiño de Santiago. O amplo programa do festival, organizado pola municipalidade e polo Arts Centre de Frankston, inclúe un ciclo de cine sobre películas que teñen por tema o Camiño de Santiago, unha exposición artística e outra de obxectos relacionados co Camiño, conferencias sobre o fenómeno xacobeo, así como unha coidada programación infantil na que se proxectará o corto para nenos ‘O Fillo do Trono’, unha película propiedade da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo na que se explica aos máis novos as tradicións xacobeas nunha linguaxe apropiada.

A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo acadou asemade importantes acordos para a realización de futuros eventos. O Xacobeo proporcionará fotografías procedentes das súas coleccións para a montaxe dunha exposición fotográfica que itinerará polas principais cidades australianas desde o próximo ano. Do mesmo xeito, do 3 ao 6 de maio de 2012 o ‘Celtic Festival’, moi popular no país e que terá lugar na localidade de Glen Innes na área de Nova Inglaterra, será protagonizado por Galicia xunto con Bretaña. Neste evento que afondará nas raíces celtas, o Xacobeo estará presente mediante o envío de materiais promocionais.

Achegamento académico
Na súa estancia en Australia, Camino Triguero impartiu diferentes charlas dirixidas ao público en xeral e levadas a cabo na Universidade Nacional de Australia en Camberra e na Universidade de Melbourne, organizada polo consulado xeral de España. Nestas conferencias, a directora xeral expuxo o concepto e historia das peregrinacións a Santiago e a súa universalización e actualidade para responder á espectacular expectación que o fenómeno xacobeo está a suscitar en Australia e en toda Asia en xeral.

Neste sentido, a directora do Xacobeo lembrou as importantes tiradas que acadan no país oceánico libros como ‘Walking The Camino de Santiago. A slow walk across Spain’ de Karen Manwaring, ‘Food-wine and walking along El Camino through Southern France and the North of Spain’, centrado na gastronomía do Camiño de Santiago ou ‘Walking The Camino. A modern pilgrimage to Santiago’, unha obra de Tony Kevin que está na súa segunda edición e no que se relata unha viaxe dende Granada ata Compostela ao longo da Vía da Prata. Camino Triguero mantivo unha reunión co autor australiano, na que recolleu as súas impresións sobre a peregrinación.

O curso do Camiño de Santiago, organizado polos Cursos Internacionais da USC en colaboración coa S.A. de Xestión e que combina de xeito innovador a aprendizaxe académica multidiscplinar sobre o Camiño de Santiago co percorrido final do camiño, desde O Cebreiro ata Santiago de Compostela, tamén foi presentado en Melbourne e contou cunha excelente acollida.

929 lecturas