A Xunta impulsa coas bolsas BEME o retorno de 250 persoas mozas do exterior que no próximo curso realizarán mestrados nas universidades galegas

As Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior -BEME-, cunha dotación económica que pode alcanzar os 12.500 euros, están destinadas a cubrir gastos de matrícula, desprazamento, aloxamento e manutención durante o período académico en Galicia.

En canto á distribución das persoas beneficiarias por universidades, 92 estudantes realizarán os seus mestrados na Universidade de Vigo, 87 na Universidade de Santiago de Compostela e 71 na Universidade da Coruña.

En total, desde 2017 e con esta convocatoria do vindeiro curso, lévanse beneficiado desta iniciativa máis de 1.700 mozos e mozas procedentes de máis de 40 países.

A Xunta impulsa coas bolsas BEME o retorno de 250 persoas mozas do exterior que no próximo curso realizarán mestrados nas universidades galegas
A Xunta impulsa coas bolsas BEME o retorno de 250 persoas mozas do exterior que no próximo curso realizarán mestrados nas universidades galegas
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela (A Coruña), 13 de agosto de 2025.

A Secretaría Xeral da Emigración, dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, publicou hoxe a listaxe definitiva das 250 mozos e mozas galegas do exterior que cursarán un mestrado nas universidades galegas de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña, grazas ás Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME), que este ano acadan a súa novena edición.

Este programa ten como obxectivo promover o retorno da mocidade galega residente no exterior, facilitándolles a continuidade dos seus estudos de posgrao en Galicia e reforzando os vínculos coa súa terra. Dos 250 beneficiarios, a maior parte procede de América Latina, con Arxentina á cabeza cun total de 98 estudantes; seguida de Uruguai con 33, Cuba con 31, Venezuela con 22 e Brasil con 20.

Outros 17 estudantes proceden de Europa, de países como Reino Unido, Francia, Alemaña, Países Baixos, Bélxica, Finlandia, Irlanda, República Checa, Suíza e Suecia. En canto á distribución por universidades, 92 estudantes cursarán os seus estudos na Universidade de Vigo, 87 na Universidade de Santiago de Compostela e 71 na Universidade da Coruña.

As BEME

As bolsas BEME teñen unha contía económica que varía entre 8.000 e 12.500 euros, dependendo da procedencia xeográfica das persoas beneficiarias e do número de créditos a realizar e destínanse a cubrir gastos como matrícula, viaxes, aloxamento e manutención durante o período académico en Galicia.

Enmárcanse na Estratexia Galicia Retorna, que conta con máis de 100 medidas destinadas a facilitar o regreso e a integración plena de persoas retornadas. Entre elas, as cinco oficinas físicas de atención ao retorno en Galicia, unha oficina móbil que percorre o rural galego, e o acompañamento previo ao regreso a través das delegacións no exterior e os centros galegos.

No 2024-2025 accederon a estas bolsas outros 250 os mozos e mozas para estudar máis de 80 mestrados diferentes nas tres universidades públicas galegas. En total, desde 2017 e coa convocatoria do próximo curso lévanse beneficiado das bolsas BEME máis de 1.700 mozos e mozas procedentes de máis de 40 países.

En relación aos resultados do programa, destaca que preto do 80% dos bolseiros -cunha idade media de 29 anos- deciden quedarse en Galicia, máis do 60% atopan emprego e o 90% recomenda a experiencia.

434 lecturas