A Xunta publica a concesión das 250 bolsas BEME para galegos do exterior que realizarán este curso un mestrado nunha das tres universidades públicas

As Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior -BEME-, cunha dotación económica que pode alcanzar os 12.500 euros, están destinadas a cubrir gastos de matrícula, desprazamento, aloxamento e manutención durante o período académico en Galicia.

En canto á distribución das persoas beneficiarias por universidades, 92 estudantes realizarán os seus mestrados na Universidade de Vigo, 87 na Universidade de Santiago de Compostela e 71 na Universidade da Coruña.

En total, desde 2017 e con esta convocatoria do vindeiro curso, lévanse beneficiado desta iniciativa preto de 2.000 mozos procedentes de máis de 40 países.

A Secretaría Xeral da Emigración pechou este ano o prazo de solicitude das Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME) con máis de 500 galegos universitarios do exterior interesados por conseguir un mestrado nunha das tres universidades galegas.

A Xunta publica a concesión das 250 bolsas BEME para galegos do exterior que realizarán este curso un mestrado nunha das tres universidades públicas
A Xunta publica a concesión das 250 bolsas BEME para galegos do exterior que realizarán este curso un mestrado nunha das tres universidades públicas
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela (A Coruña), 9 de setembro de 2025.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) ven de publicar a concesión definitiva das 250 Bolsas de Excelencia Xuventude Exterior (BEME) que permitirá a mozos do exterior cursar algún dos mestrados que ofertan as tres universidades públicas galegas.

Este programa ten como obxectivo promover o retorno da mocidade galega residente no exterior, facilitándolles a continuidade dos seus estudos de posgrao en Galicia e reforzar os vínculos coa súa terra. Dos 250 beneficiarios, a maior parte procede de América Latina, con Arxentina á cabeza cun total de 98 estudantes; seguida de Uruguai con 33, Cuba con 31, Venezuela con 22 e Brasil con 20.

Outros 17 estudantes proceden de Europa, de países como Reino Unido, Francia, Alemaña, Países Baixos, Bélxica, Finlandia, Irlanda, República Checa, Suíza e Suecia. En canto á distribución por universidades, 92 estudantes cursarán os seus estudos na Universidade de Vigo, 87 na Universidade de Santiago de Compostela e 71 na Universidade da Coruña.

As BEME

As bolsas BEME teñen unha contía económica que varía entre 8.000 e 12.500 euros, dependendo da procedencia xeográfica das persoas beneficiarias e do número de créditos a realizar e destínanse a cubrir gastos como matrícula, viaxes, aloxamento e manutención durante o período académico en Galicia.

Enmárcanse na Estratexia Galicia Retorna, que conta con máis de 100 medidas destinadas a facilitar o regreso e a integración plena de persoas retornadas. Entre elas, as cinco oficinas físicas de atención ao retorno en Galicia, unha oficina móbil que percorre o rural galego, e o acompañamento previo ao regreso a través das delegacións no exterior e os centros galegos.

No 2024-2025 accederon a estas bolsas outros 250 mozos e mozas para estudar máis de 80 mestrados diferentes nas tres universidades públicas galegas. En total, desde 2017 e coa convocatoria do próximo curso lévanse beneficiado das bolsas BEME máis de 1.700 mozos e mozas procedentes de máis de 40 países.

En relación aos resultados do programa, destaca que preto do 80% dos bolseiros -cunha idade media de 29 anos- deciden quedarse en Galicia, máis do 60% atopan emprego e o 90% recomenda a experiencia.

431 lecturas