A Xunta implica ás empresas na orientación laboral de alumnas e alumnos BEME que apostan por quedarse en Galicia

O secretario xeral da Emigración inaugurou unha mesa redonda de empresas na que a Fundación Ronsel achegou a experiencia de empresas de vangarda en Galicia a unha trintena de galegas e galegos do exterior para achegarlles técnicas e ferramentas na súa andaina empresarial e laboral.

Imaxe da inauguración, esta mañá, da mesa redonda de empresas organizada pola Xunta de Galicia e a Fundación Ronsel
Imaxe da inauguración, esta mañá, da mesa redonda de empresas organizada pola Xunta de Galicia e a Fundación Ronsel
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2023.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inaugurou esta mañá a mesa redonda de empresas organizada pola Xunta de Galicia e pola Fundación Ronsel á que asistiron unha trintena de alumnas e alumnos da última promoción das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior que decidiron optar por Galicia para poñer en marcha a súa vida persoal e profesional.

Nesta mesa redonda participaron empresas que trasladaron técnicas e ferramentas ás e aos asistentes para a busca de emprego por conta allea, especialmente nos eidos tecnolóxicos, culturais e de desenvolvemento dixital. Tamén asistiron firmas dedicadas á captación de traballadoras e traballadores, que explicaron a estes galegos e galegas do exterior como facer a busca de emprego máis efectiva.

O secretario xeral agradeceu na súa intervención a aposta que os alumnos e alumnas BEME están a facer por formar parte da sociedade galega, e recordoulles que dende a Xunta de Galicia ofrécense apoios e iniciativas en tódolos ámbitos para facilitar a súa inserción co maior éxito posible, grazas á Estratexia Galicia Retorna que inclúe tamén programas enfocados no eido laboral, como é o Retorna Cualifica Emprego, que facilita encontrar un traballo a galegas e galegos do exterior e que vai acompañado dun plan personalizado de cualificación e empregabilidade así como de recursos de formación e a formalización do correspondente contrato de traballo.  

Miranda tamén insistiu na importancia, neste senso, que ten para todas e todos os galegos retornados a Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno, situada en todas as cidades galegas, “xa que son un importante recurso de apoio en tódolos ámbitos para aqueles que volven a Galicia”.

423 lecturas