A Xunta habilita 32,2M€ para que as nenas e nenos nados en 2022 teñan acceso á Tarxeta Benvida, da que se poden beneficiar tamén as e os galegos retornados

Dende que se puxo en marcha en 2016, esta prestación contou cun orzamento acumulado de 127 millóns de euros.

Ata o de agora unhas 78.000 familias beneficiáronse desta axuda de 100 euros ao mes durante o primeiro ano de vida da ou do cativo.

A Tarxeta Benvida é unha das preto de sesenta medidas que integran a Estratexia Galicia Retorna, coordinada pola SXE
A Tarxeta Benvida é unha das preto de sesenta medidas que integran a Estratexia Galicia Retorna, coordinada pola SXE
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2021.

O Consello da Xunta habilitou un investimento de 32,2 millóns de euros para que as nenas e nenos nados no ano 2022 teñan acceso á Tarxeta Benvida, unha prestación que nos seus cinco anos de existencia supera xa un orzamento acumulado de 127 millóns de euros. O obxectivo desta axuda, da que se poden beneficiar as  e os galegos retornados, é atender os gastos que supón ampliar a familia, como a compra de alimentos infantís, cueiros, roupa, berces e produtos de hixiene ou farmacia.

Desde a súa creación no ano 2016, a Tarxeta Benvida achegou a máis de 78.000 familias unha axuda de 100 euros ao mes durante o primeiro ano de vida do cativo ou cativa. Isto supón que oito de cada dez nenas e nenos nacidos neste período tiveron acceso a esta medida. Para acceder á Tarxeta Benvida durante o primeiro ano a renda anual familiar deberá ser inferior aos 45.000 euros ou menor de 13.500 euros per cápita. 

En 2018, a Tarxeta benvida estendeuse ata o terceiro ano de vida da nena ou neno para aquelas familias cunha renda anual igual ou inferior a 22.000 euros. Así, para a primeira ou o primeiro fillo concedíanse 600 euros anuais; para a ou o segundo, 1200 euros anuais; e para a ou o terceiro e sucesivos, 2.400 euros anuais. 

Xa no ano 2019, habilitouse a posibilidade de que a Tarxeta Benvida se solicitase durante o embarazo, para que non fixese falta esperar ao nacemento para comezar os trámites. Deste modo, para as familias que escollen esta opción, o prazo medio de espera para obter esta prestación pasou de dous meses e medio a un mes.

E no ano 2020, o Goberno galego introduciu catro novidades: un complemento do 25 % para as familias que vivan en concellos de menos de 5000 habitantes; un complemento para as familias numerosas, de xeito que as e os terceiros fillos e sucesivos perciban 2.400 euros anuais desde o nacemento ata os tres anos; facilidades para a presentación de solicitudes por parte das e dos galegos retornados; e a posibilidade extraordinaria de ampliar a Tarxeta Benvida ata os catro anos para as familias en situación de especial vulnerabilidade.

486 lecturas