A Xunta destina 31,5M€ para que as nenas e nenos nacidos no 2023 teñan acceso á Tarxeta Benvida, da que tamén se poden beneficiar as familias galegas retornadas

Máis de 92.500 familias galegas xa se beneficiaron desta axuda para atender os gastos que supón o nacemento dun fillo ou filla desde a súa posta en marcha no ano 2016.

O importe das axudas deste programa é de 1.200 euros durante o primeiro ano de vida da filla ou fillo, duplicándose no caso das familias numerosas e incrementándose nun 25%, no caso de vivir en concellos de menos de 5.000 habitantes. 

Esta iniciativa forma parte da nova Estratexia Galicia Retorna que acaba de aprobar o Goberno galego.

A Tarxeta Benvida é unha das cen medidas que integran a Estratexia Galicia Retorna 2023-2026
A Tarxeta Benvida é unha das cen medidas que integran a Estratexia Galicia Retorna 2023-2026
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2023.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde que regula a concesión da Tarxeta Benvida para as nenas e nenos nacidos no 2023, e da que se poden beneficiar as familias galegas retornadas. 

A Xunta habilita un investimento de 31,5 millóns de euros para esta axuda, que desde a súa creación no 2016 xa leva beneficiadas a más de 92.500 familias galegas e que acada un orzamento acumulado de 196 millóns de euros, incluída esta nova convocatoria.

Con carácter xeral, a contía da axuda que reciben as familias a través deste programa é de 1.200 euros durante o primeiro ano de vida da filla ou fillo. Esta duplícase no caso das familias numerosas e increméntase un 25 % no caso daquelas que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes. Así mesmo, a achega pode estenderse ata os catro anos de vida do neno ou nena naqueles fogares especialmente vulnerables.

Estímase que oito de cada dez familias galegas están en condicións de recibir a Tarxeta Benvida, coa que poderán atender os gastos que supón o nacemento dunha ou dun fillo, como a compra de alimentos infantís, cueiros, roupa, berce e produtos de hixiene e farmacéuticos, entre outras necesidades.

A Tarxeta Benvida forma parte das medidas postas en marcha pola Xunta de Galicia para apoiar ás familias e que se engloban no Plan de Apoio á Natalidade (PAN): a gratuidade das escolas infantís, as casas niño, o bono coidado ou a cesta benvida.

320 lecturas