A Xunta de Galicia ampliará ata os catro anos a Tarxeta Benvida para as familias especialmente vulnerables
Increméntase un 25% a contía da axuda para as familias que vivan en concellos de menos de 5000 habitantes.
Duplícase a cantidade que perciben as familias polo seu terceiro fillo ou filla e sucesivos durante o primeiro ano, ata acadar os 2400 euros anuais.
No caso das familias que vivan no rural, a contía por terceiro fillo ou filla elévase ata os 3000 euros.
Amplíase ata os tres meses o prazo de presentación de solicitudes para as galegas e os galegos no exterior que volvan a Galicia.
O Consello da Xunta de Galicia deu luz verde a un investimento de máis de 36,2 millóns de euros para que as nenas e nenos nados en 2020 teñan acceso á Tarxeta Benvida, axuda directa para contribuír a sufragar os custos que trae consigo a chegada dun novo ou nova membro á familia. Desde a súa creación en 2016, a Tarxeta Benvida xa chegou a 53.000 familias e o investimento acumulado nela supera os 60 millóns de euros.
Este ano introdúcense catro novidades importantes que afectan tanto á contía da axuda como á súa duración. En primeiro lugar, increméntase un 25% para as familias que vivan en concellos de menos de 5000 habitantes, para apoiar os fogares con fillas ou fillos no rural. En segundo lugar, duplícase a cantidade que perciben as familias polo seu terceiro fillo ou filla e sucesivos durante o primeiro ano, de xeito que recibirán 2400 euros anuais. Esta cantidade elevarase ata os 3000 euros en caso de que vivan nun concello rural. E a terceira novidade é que se amplía o prazo de presentación de solicitudes para as galegas e os galegos no exterior que retornen a Galicia, os cales contarán con tres meses desde o seu regreso para pedir a Tarxeta Benvida, un mes máis ca ata agora.
A cuarta mellora é que a partir do ano que vén a Tarxeta Benvida poderá cobrarse ata que a nena ou neno teña catro anos para as familias en situación de especial vulnerabilidade e que solicitasen unha prestación pública de protección social e esta estea en fase de tramitación. Trátase de que non queden desprotexidas mentres non estean a cobrar esta axuda. Esta nova posibilidade responde a unha proposta que fixeron as entidades sociais durante o período de exposición pública da Lei de impulso demográfico e que se decidiu tomar en consideración.
Pedila desde o embarazo
Estas novidades súmanse ás implantadas en 2018, cando a Tarxeta Benvida se estendeu ata o terceiro ano de vida da nena ou neno para aquelas familias cunha renda anual igual ou inferior a 22.000 euros. En 2019 habilitouse a posibilidade de solicitala xa durante o embarazo, para que non fixese falta agardar ata o nacemento para comezar os trámites. Deste modo, o prazo medio de espera para as familias que escollen esta opción pasou de dous meses e medio a un mes.
A Tarxeta Benvida é unha das medidas implantadas pola Xunta para que todos os fogares galegos teñan máis facilidades que nunca, tanto en axudas económicas como en materia de conciliación. Para acceder a esta axuda durante o primeiro ano a renda anual familiar deberá ser inferior aos 45.000 euros ou menor de 13.000 euros per cápita.
Esta prestación está destinada a atender os gastos que supón ampliar a familia, como a compra de alimentos infantís, cueiros, roupa, berces e produtos de hixiene ou farmacéuticos. Pode empregarse en establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia, así como nas farmacias, parafarmacias, supermercados, tendas de alimentación e, desde este ano, tamén nas ópticas.
Máis facilidades para conciliar
No que atinxe ás medidas de conciliación dirixidas a crear unha contorna amigable ás familias, Galicia conta hoxe con máis de 25.000 prazas de escola infantil sostidas con fondos públicos, o dobre que hai unha década. E, a partir do ano que vén, todas as escolas infantís serán gratuítas para as e os segundos fillos e sucesivos, unha medida pioneira en España.
Así mesmo, a Xunta dispón de liñas de axudas para a apertura de escolas infantís nos polígonos industriais, confrarías e cooperativas agrarias; do Bono concilia, prestación para axudar a pagar a escola infantil a aquelas familias que non puidesen acceder a unha praza pública; e do Bono coidado, para contribuír no custo que supón a contratación puntual dunha ou dun coidador ou dunha ludoteca.
Novas relacionadas