A Xunta habilita 32,2m€ para que as nenas e nenos nacidos no 2021 teñan acceso á Tarxeta Benvida, que consolida as facilidades para as galegas e os galegos retornados aprobadas a comezos deste ano
As e os galegos que regresen á comunidade teñen tres meses para solicitar esta axuda, en lugar dos dous con que contaban inicialmente
Durante os seus catro anos de existencia, esta prestación contou cun orzamento acumulado de 70 millóns de euros.
No ano 2020 introduciuse un complemento do 25% para as familias que vivan en concellos de menos de 5000 habitantes, un complemento para as familias numerosas e a posibilidade de ampliar a axuda ata os catro anos de vida.
O Consello da Xunta habilitou hoxe un investimento de 32,2 millóns de euros para que as nenas e nenos nacidos no ano 2021 teñan acceso á Tarxeta Benvida, unha prestación que nos seus catro anos de existencia supera xa un orzamento acumulado de 70 millóns de euros. Esta nova convocatoria consolida, ademais, as novas facilidades para as galegas e os galegos retornados que se incluíron na orde do ano 2020.
O seu obxectivo é atender os gastos que supón ampliar a familia, como a compra de alimentos infantís, cueiros, roupa, berces e produtos de hixiene ou farmacia.
Desde a súa creación no ano 2016, a Tarxeta Benvida achegou a máis de 66.600 familias unha axuda de 100 euros ao mes durante o primeiro ano de vida do cativo ou cativa. Isto supón que oito de cada dez nenas e nenos nacidos neste período tiveron acceso a esta medida. Para acceder á Tarxeta Benvida durante o primeiro ano a renda anual familiar deberá ser inferior aos 45.000 euros ou menor de 13.500 euros per capita.
En 2018, a Tarxeta Benvida estendeuse ata o terceiro ano de vida da nena ou neno para aquelas familias cunha renda anual igual ou inferior a 22.000 euros. Así, para a primeira ou o primeiro fillo concedíanse 600 euros anuais; para o segundo ou segunda 1200 euros anuais; e para a ou o terceiro e sucesivos, 2400 euros anuais.
Xa no ano 2019, habilitouse a posibilidade de que a Tarxeta Benvida se solicitase durante o embarazo, para que non fixese falta esperar ao nacemento para comezar os trámites. Deste modo, para as familias que escollen esta opción, o prazo medio de espera para obter esta prestación pasou de dous meses e medio a un mes.
Un mes máis para solicitar a axuda
E no ano 2020, o Goberno galego introduciu catro novidades, unha das cales vai dirixida especificamente ás galegas e galegos retornados, que desde o pasado exercicio contan cun mes máis de prazo para solicitar a axuda, pasando dos dous meses anteriores aos tres meses actuais.
Ademais desta mellora, a Tarxeta Benvida introduciu o pasado ano outras novidades: un complemento do 25% para as familias que vivan en concellos de menos de 5000 habitantes; un complemento para as familias numerosas, de xeito que as terceiras ou terceiros fillos e sucesivos perciban 2400 euros anuais desde o nacemento ata os tres anos; facilidades para a presentación de solicitudes por parte das galegas e galegos retornados; e a posibilidade extraordinaria de ampliar a Tarxeta Benvida ata os catro anos para as familias en situación de especial vulnerabilidade.
Novas relacionadas