A Xunta destina 36M€ para renovar a Tarxeta Benvida para as galegas e galegos nados en 2019

Feijóo di que a principal novidade que contempla é a posibilidade de solicitar a prestación xa desde o embarazo.

Salienta que virá cargada con 1.200 euros distribuídos en dous pagamentos.

Destaca que 9.000 nenas e nenos poden recibila ata cumprir os 3 anos e que 40.000 xa a percibiron desde a súa creación en 2016 durante o primeiro ano de vida.

O presidente da Xunta lembrou que esta axuda está dirixida tamén ás familias que residan no exterior e decidan volver a Galicia
O presidente da Xunta lembrou que esta axuda está dirixida tamén ás familias que residan no exterior e decidan volver a Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2018.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou onte que o Goberno galego destinará 36M€ para renovar o recurso da Tarxeta Benvida para as galegas e galegos nados en 2019. Un recurso que permite atender gastos como a compra de alimentos infantís, cueiros, roupa, berces e produtos de hixiene ou farmacéuticos.

Como gran novidade, Feijóo destacou a posibilidade de solicitar a prestación xa desde o embarazo, co obxectivo de que a espera para obter unha resolución favorable pase a ser dun mes.

Outras das novidades que contempla, dixo, será que as familias que obtivesen a Tarxeta Benvida no ano 2018 e neste ano reducisen o seu nivel de ingresos ata situarse nos 22.000 euros ou menos, terán dereito á ampliación sempre que comuniquen o cambio da súa situación.

Dese xeito, lembrou, a Tarxeta Benvida, que estará á disposición dos pais e nais naturais ou con cativas ou cativos en adopción ou garda con fins adoptivos e tamén para familias que residan no exterior e decidan volver a Galicia, virá cargada con 1.200 euros distribuídos en dous pagamentos, un en 2019 e outro 2020. Sempre e cando, engadiu, a renda anual familiar sexa inferior aos 45.000 euros ou menor de 13.500 euros per cápita, é dicir, arredor de 8 de cada 10 cidadás e cidadáns galegos con fillas ou fillos pequenos teñen posibilidade de percibila.

Ademais, e tras a extensión en 2018 da Tarxeta Benvida ata o terceiro ano de vida para as familias cunha renda anual igual ou inferior a 22.000 euros, estímase que 9.000 nenas e nenos poidan recibila ata cumprir esa idade.

A este respecto, lembrou que desde a súa posta en marcha en 2016, chegou a 40.000 persoas durante o primeiro ano de vida da ou do cativo.

Finalmente, o presidente da Xunta destacou o firme compromiso da Administración autonómica de facer de Galicia a mellor Comunidade para formar unha familia dispoñendo as máximas axudas para favorecer a conciliación. Ao tempo que explicou que esta medida, xunto co incremento das prazas de garderías sostidas con fondos públicos, forma parte do Plan de apoio á natalidade.

423 lecturas