Xuventude ofrece preto de 800 prazas para este verán no albergue de Gandarío en Bergondo

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visita as instalacións nas que tamén se facilita a participación de medio cento de mozos e mozas de familias emigrantes galegas.

Desenvolveranse actividades de robótica, drons ou videoxogos para fomentar a vocación tecnolóxica entre a rapazada.

A campaña de verán da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para este 2024 conta máis de 11.500 prazas, o que supón outro récord histórico.

  • Xuventude ofrece preto de 800 prazas para este verán no albergue de Gandarío en Bergondo
    Xuventude ofrece preto de 800 prazas para este verán no albergue de Gandarío en Bergondo
  • Xuventude ofrece preto de 800 prazas para este verán no albergue de Gandarío en Bergondo
    Xuventude ofrece preto de 800 prazas para este verán no albergue de Gandarío en Bergondo
Listen to this page using ReadSpeaker
Bergondo (A Coruña), 10 de maio de 2024.

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visitou hoxe o albergue xuvenil de Gandarío, no municipio coruñés de Bergondo, onde a Xunta de Galicia ofrece este verán preto de 800 prazas de campamentos de verán e actividades para persoas con discapacidade. Trátase dunhas instalacións nas que, ademais, tamén se facilita a participación de medio cento de mozos e mozas de familias emigrantes galegas. 

Na súa visita, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude explicou que estas actividades forman parte da rede da campaña de verán de campamentos xuvenís deste ano da Xunta. Un programa que, tal e como destacou, oferta de máis de 11.500 prazas para a mocidade galega de entre 9 e 30 anos, das cales 2.736 son na provincia da Coruña. 

“Este 2024 rexistramos un récord histórico, ao ofrecer 300 máis que na anterior edición”, salientou a responsable desta área da consellería. Neste senso, Lara Meneses lembrou que a campaña deste ano conta con novas instalacións e actividades de lecer “que lle permitirán á xuventude vivir o seu mellor verán”, tal e como recolle o lema deste ano. 

Deste xeito, a Xunta ofrece a posibilidade de que a xuventude galega empregue o seu tempo libre estival participando en actividades de educación non formal de carácter lúdico, cultural, deportivo, formativo, etc. Para iso, cada ano preséntase a Campaña de Verán, unha iniciativa ambiciosa que non só é unha actividade de ocio para os mozos e mozas galegos, senón que tamén é un recurso de conciliación da vida familiar e laboral. Toda a información deste programa pode consultarse en xuventude.xunta.es/accion-de-veran.

Mocidade da emigración galega
Na súa visita, Meneses tamén explicou que, grazas á colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, no albergue de Gandarío participarán 50 mozos e mozas de familias emigrantes galegas que participarán no campamento Actividades no mar, que se desenvolverá do 15 ao 29 de xullo. 

En total no albergue de Gandarío desenvolveranse  5 quendas de campamentos con idades comprendidas entre os 11 e os 17 anos e ademais, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), desenvolveranse outros tres para fomentar as vocacións tecnolóxicas: Creando o meu videoxogo, A vista de paxaro: primeiros pasos con drons, e Adestrando o meu robot, de 20 prazas cada un. 

176 lecturas