A Xunta fomentará as unións entre as entidades galegas do exterior

A Lei de galeguidade, que será obxecto de debate no Consello de Comunidades Galegas, apostará pola concentración de centros.

Rueda e Camba avanzan que se priorizarán nas subvencións a aquelas entidades que aposten pola cooperación.

Listen to this page using ReadSpeaker
11 de marzo de 2012.

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e o secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, no Centro Pontevedrés Social e Deportivo de Montevideo. O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e o secretario xeral de Emigración, Santiago Camba, participaron onte nunha cea con presidentes de entidades e comunidades galegas en Uruguai, aos que trasladaron que a Xunta apoiará decididamente a cooperación entre as entidades galegas no exterior e mesmo fomentará a súa unión.

En concreto, avanzaron que se priorizarán nas liñas de subvencións e nos distintos programas de actuación a aquelas entidades que aposten pola unión e pola cooperación, para lograr sinerxías e ofrecer un mellor servizo aos galegos e ás galegas da diáspora. Ademais, anunciaron que a nova Lei de Galeguidade, que será obxecto de debate en xuño no X Consello de Comunidades Galegas, tamén promoverá e fomentará os procesos de fusión entre entidades galegas no exterior.

A nova normativa, que ten como obxectivo reflectir a realidade actual da galeguidade e da cidadanía galega no exterior, tamén fai fincapé e reforza o papel relevante dos galegos e as galegas no exterior no fortalecemento e desenvolvemento de accións que consoliden a internacionalización da economía galega e a proxección económica de Galicia no exterior. Así mesmo, promove a labor da galeguidade como axentes da promoción cultural de Galicia, como difusores das posibilidades turísticas da Comunidade Autónoma e como axentes de cooperación ao desenvolvemento.

A futura Lei de Galeguidade foi un dos asuntos que centrou a cea que mantiveron Rueda e Camba cos e coas representantes das entidades galegas no Uruguai, entre as que se atopaban o Centro Gallego de Montevideo, Centro Cultural Alma Gallega; Centro Pontevedrés Social y Deportivo; Patronato da Cultura Galega; Hogar Español ou a Federación de Asociaciones gallegas en el Uruguay; entre outras.

Visitas previas
Previamente, o conselleiro e o secretario xeral visitaron a delegación da Xunta en Montevideo, onde mantiveron un encontro co delegado Manuel Barros Rivadulla, quen lles explicou a actividade diaria que leva a cabo a representación do Goberno galego na capital uruguaia. En concreto, a delegación de Montevideo tramitou máis de 1.100 expedientes e atendeu preto de 3.700 consultas relacionadas con axudas económicas, solicitudes de tarxetas sanitarias ou programas de reencontros, entre outros asuntos.

Posteriormente, trasladáronse ao Centro Pontevedrés Social e Deportivo, onde visitaron as súas instalacións e mantiveron un encontro coa súa directiva, á que entregaron uns instrumentos musicais. Despois trasladáronse ao Hogar Español de Montevideo, onde tamén tiveron oportunidade de visitar as súas instalacións e asinaron un convenio de colaboración co seu presidente, Antonio Ríos, que ten por obxectivo apoiar a asistencia a persoas galegas no centro de día.

1012 lecturas