A Xunta convoca a orde de subvencións para proxectos de cooperación no exterior dirixidas, entre outros axentes, ás comunidades galegas no estranxeiro

Os proxectos das entidades galegas deben ter como fin o desenvolvemento de proxectos de economía social, ou a promoción da igualdade entre homes e mulleres e a defensa dos grupos de poboación máis vulnerables.

A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza destina a este programa, cuxo prazo de presentación de solicitudes remata o 14 de febreiro, un total de 3,5 millóns de euros.

O prazo de solicitude destas subvencións finaliza o 14 de febreiro
O prazo de solicitude destas subvencións finaliza o 14 de febreiro
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2019.

A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a nova convocatoria das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación, que busca establecer o marco normativo que regula a concesión de subvencións da Xunta de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, en materia de cooperación ao desenvolvemento. Os proxectos no exterior deben ser executados polas organizacións non gobernamentais de cooperación ao desenvolvemento (ONGD) ou polos outros axentes de cooperación recoñecidos pola Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, que inclúe as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, así como as universidades, os sindicatos, as empresas e organizacións empresariais, e as comunidades galegas no exterior.

Estas últimas deben estar inscritas no Rexistro de Centros e Comunidades Galegas dependente da Secretaría Xeral da Emigración para poder optar a unha destas axudas, así como ter xustificadas, se é o caso, antes da data de presentación da solicitude para a presente convocatoria, as axudas recibidas para as anualidades 2016 e anteriores por parte da Xunta de Galicia a outros proxectos en materia de cooperación para o desenvolvemento subvencionados anteriormente. Así mesmo, é necesario que efectuase o correspondente ingreso nos casos en que sobre as entidades beneficiarias de axudas económicas recaese unha resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.

Prazo de inicio dos proxectos
As solicitudes presentadas por comunidades galegas no exterior, cuxo prazo de solicitude remata o 14 de febreiro, deben ter como fin o desenvolvemento de proxectos de economía social e fortalecemento do tecido produtivo que favorezan o crecemento económico de base, aproveitando o coñecemento do país, a implantación e a rede de relacións que as comunidades galegas crearan. Tamén poden perseguir a promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e a defensa dos grupos de poboación máis vulnerables, con especial incidencia na infancia, terceira idade, persoas refuxiadas, desprazadas, inmigrantes, retornadas, minorías étnicas e comunidades indíxenas.

A convocatoria de axudas para proxectos de cooperación no exterior vén publicándose dende o ano 1995. Ten carácter bianual (2019-2020) e será financiada cun importe total de 3.500.000 euros, o que representa un incremento de máis dun 7,3% respecto á dotación da convocatoria do ano 2018, conforme á seguinte distribución: para proxectos no exterior de ONGD serán 2.800.000 € (1.120.000 € no 2019 e 1.680.000 € no 2020), mentres a proxectos no exterior doutros axentes, irán destinados 700.000 € (280.000 € no 2019 e 420.000 € no 2020).

Os proxectos que opten a estas subvencións non poderán estar iniciados antes do 1 de xaneiro do 2019, sendo necesario que o inicio das actividades sexa no ano 2019. As entidades solicitantes deben ter aberta a súa sede en Galicia e poderán financiarse dous proxectos individuais ou en agrupación ás ONGD e un aos outros axentes.

Maior eficacia na cooperación 
O goberno galego segue a manter o seu compromiso de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida das e dos seus habitantes e aliviar e corrixir as situacións de pobreza para acadar un desenvolvemento humano sostible. Deste xeito, apóstase por unha maior eficacia e calidade da política galega de cooperación, unha cooperación máis selectiva, de maior impacto e presenza, concentrada xeográfica e sectorialmente, que redundará nunha maior visibilidade da Cooperación Galega. Galicia vai cooperar en sectores nos que pode ofrecer experiencia e coñecementos específicos, como é, por exemplo, o caso da pesca.

760 lecturas