A Xunta espera pechar este ano a fusión de centros galegos en Cuba

O secretario xeral da Emigración defende unha nova reforma do voto exterior.

A Xunta espera pechar este ano a fusión de centros galegos en Cuba
A Xunta espera pechar este ano a fusión de centros galegos en Cuba
Listen to this page using ReadSpeaker
A Coruña, 27 de febreiro de 2013.

Comeza a conta atrás para a fusión dos centros galegos no exterior. Este mesmo ano produciranse as primeiras alianzas entre entidades da colectividade galega. A avanzada idade das persoas asociadas e as dificultades económicas para manter a carteira de servizos levou ás e aos representantes das entidades galegas no exterior a dar os primeiros pasos cara ás alianzas. O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, adiantou onte que as negociacións para a fusión nos centros galegos de Cuba e Cataluña están máis avanzadas e confía en obter resultados este ano.

A Lei de Galeguidade promovida pola Xunta constata que algunhas entidades no exterior poderían verse abocadas "en breve" ao peche se non se toman medidas. Segundo destacou Rodríguez Miranda nunha entrevista a Europa Press, a normativa impulsada polo Executivo galego pon sobre a mesa "posibles solucións" para evitar que as persoas emigrantes se vexan privadas de entidades que, reiterou, xogan un papel "moi importante" na prestación de servizos e que nalgúns casos, sobre todo en Arxentina e Uruguai, sofren un problema de "fragmentación".

Tras aproveitar a súa primeira etapa na Secretaría da Emigración para viaxar por España e Europa, con contactos coa diáspora, Rodríguez Miranda prevé realizar a principios de marzo a súa primeira viaxe institucional a Arxentina e Uruguai. Nestes países prevé reunirse coa colectividade, pero tamén aproveitará para contactar cos e coas responsables da xestión do hospital do Centro Gallego de Bos Aires, "intervido polo Goberno arxentino", e comprobar cal é o seu estado actual.

Sobre a reforma do voto emigrante pactada por PP e PSOE en 2010, o secretario da Emigración defende a necesidade dunha nova modificación debido á caída da participación que supuxo a implantación do voto pregado. Ese descenso das papeletas procedentes do exterior reflicte, conclúe Miranda, que a reforma do voto exterior "non" foi a máis axeitada".

 

Fonte: La Opinión de A Coruña

807 lecturas