Miranda confía en que o camiño da unión de centros galegos encetado en Cataluña se estenda axiña fóra de España

“Temos motivos para crer que o proceso reorganizador poida pronto ser unha realidade en Alemaña, Venezuela, Cuba, Brasil, e mesmo Arxentina e Uruguai”, salienta o secretario xeral da Emigración nunha entrevista na Cadea Cope.

“A diáspora estanos botando unha man importantísima na proxección exterior da economía galega, e neste senso os resultados en México son bo exemplo”, destacou o alto cargo.

Foto do acto de sinatura da unión de entidades galegas, celebrado en Barcelona.
Foto do acto de sinatura da unión de entidades galegas, celebrado en Barcelona.
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 9 de maio de 2013.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, confía en que o proceso de unión de entidades que se materializou a pasada fin de semana por 15 centros galegos presentes en Cataluña, e á que asistiu o Presidente Feijóo, se poida dar en breve noutras entidades galegas da diáspora en terras máis afastadas.

Así, na súa recente viaxe a Venezuela, Miranda puido constatar as firmes intencións que a este respecto lle transmitiron dalgunhas entidades presentes na capital e a súa zona de influenza. “Malia que no país existe un centro cun peso específico superior –dixo Miranda en referencia á Hermandad Gallega de Caracas-, outras entidades apostarían por unirse a ela e así fortalecer aínda máis a presenza e solvencia da Galeguidade en Venezuela”. Tamén citou que existen posibilidades reais de unión en Cuba, ou Brasil.

Igualmente, e sen saír de Latinoamérica, o amplo abano de entidades galegas presentes en Bos Aires e Montevideo podería en breve camiñar cara a unión dalgunhas delas, sempre co obxectivo -compartido en todos estes procesos- de que xurdan organismos máis fortes, máis sostibles e que, polo tanto, ofrezan máis servizos aos galegos e as galegas do Exterior.

“Congratúlanos que no caso da diáspora en Arxentina e Uruguai, eles tamén viven alí este momento como un importante fito para camiñar nesta senda. Pola súa transcendencia histórica e importancia numérica, sería moi interesante que a diáspora de ambas nacións volvese ser punta de lanza no proceso de unificación e engrandecemento da Galeguidade”, recalcou Miranda.

Referentes sociais
A este respecto, o alto cargo da Administración autonómica galega afirmou que “estase perfectamente concienciado no Exterior da necesidade de traballar xuntos para xerar unhas entidades que sexan auténticos referentes sociais no entorno que están situadas”, como de feito xa o son arestora moitas delas, e algunhas xurdidas precisamente da unión doutras menores.

Na entrevista, realizada polo xornalista Alberto Varela, o secretario xeral da Emigración fixo fincapé en que os procesos de unificación serán apoiados polo Goberno galego, e de feito xa se teñen publicado no DOG ordes de axudas a centros da diáspora que priman aos que se teñan adherido a algún destes procesos.

Embaixadas de Galicia
Rodríguez Miranda reiterou a idea do Presidente Feijóo de que tras cada emigrante pode agocharse a ou o mellor embaixador da Galicia territorial, e que de feito son moitos os galegos e as galegas da diáspora que están botando unha man –“importantísima” dixo Miranda-, de maneira altruísta pero entusiasta, no proceso de busca de novos investidores e investidoras para as empresas galegas, e de novos mercados para os seus produtos e servizos.

Neste senso, apuntou o secretario xeral, “teño que dicir moi satisfactoriamente que a receptividade é total, todo o mundo se pon a disposición e pregunta ‘onde pode axudar’, e eu creo que un exemplo deste traballo,  desta axuda, son os resultados que se están a ver en México”, dixo, en referencia aos recentes contratos acadados no país azteca en beneficio do sector naval galego.

827 lecturas