Miranda compromete o mantemento das axudas de carácter socio asistencial para os galegos e as galegas residentes en Cuba

O secretario xeral da Emigración insta ás sociedades parroquiais con presenza en toda a illa a intensificar o papel integrador da Agrupación que as representa.

Antes de aterrar no Caribe, intensificou a súa axenda de contactos co empresariado galego en Miami e Nova York, para buscar novas canles de relación nas dúas beiras do Atlántico.

Miranda compromete o mantemento das axudas de carácter socio asistencial para os galegos e as galegas residentes en Cuba
Miranda compromete o mantemento das axudas de carácter socio asistencial para os galegos e as galegas residentes en Cuba
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2013.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, aterrou este mediodía en La Habana, onde se entrevistou nada máis chegar co presidente da Federación de Sociedades Galegas de Cuba, Sergio Toledo. Despois visitou o Centro Gallego da capital, un lugar de especial relevancia simbólica para a diáspora galega, onde tivo oportunidade de manter un breve encontro coa colectividade galega residente na capital caribeña.

Tras unha xuntanza cos presidentes e presidentas e sociedades galegas con presenza na capital caribeña, Miranda comprometeuse ante a colonia galega a manter, e intensificar en canto sexa posible, as liñas de axuda de carácter social e asistencial para tódolos galegos e galegas residentes no Exterior. Cómpre lembrar que a Secretaría Xeral da Emigración destina este ano dous millóns de euros a axudas individuais para aqueles e aquelas residentes no Exterior con serias eivas sociais ou asistenciais.

A última hora da tarde –xa noitiña en Galicia-, achegarase ata outras dúas asociacións con importante tradición, a Sociedad La Aurora de Somozas, e a Monterroso y Antas de Ulla Sociedad de Protección y Recreo. Nas súas sedes, como na visita ao Centro Gallego, Miranda insiste na mensaxe de unidade necesaria para a diáspora galega en todo mundo.

Concretamente no caso de Cuba, o secretario xeral da Emigración instou a unha maior unidade das sociedades parroquiais. Trátase de pequenas entidades de emigrantes chegadas e chegados dun mesmo lugar dun municipio, que nalgúns casos atesouran un interesante  legado documental, pero que na súa inmensa maioría carecen de sede, e esmorecen por falta de relevo xeracional.

Estas sociedades están formalmente asociadas na Agrupación de Sociedades Representantes de Municipios y Parroquias de Galicia, pero en ocasións actúan como interlocutores independentes, polo que Miranda instounas a fornecer a súa unidade, coa fin de facer máis forte a súa entidade representativa.

Contacto institucional
Xa na xornada de mañá, luns 25, última da súa viaxe, o secretario xeral acudirá ao Asilo San Francisco de Paula, e entrevistarase co director para Europa do Ministerio de Relacións Exteriores da República de Cuba, Elio Eduardo Rodríguez. Co mandatario cubano cambiará impresións sobre a situación actual da colonia galega na illa, e as posibilidades de mellora da proxección económica de Galicia.

Miranda continuará a súa andaina no cemiterio habaneiro de Colón, onde terá lugar unha ofrenda floral no Panteón dos Naturais de Galicia, acto aberto a toda a colectividade galega na cidade. E xa para finalizar, o mandatario galego departirá coas socias e socios da Sociedade Cultural Rosalía de Castro, xusto antes de coller o avión de regreso.

En Estados Unidos
O secretario xeral da Emigración achégase con esta viaxe ata os 27.172 galegas e galegos que, segundo os datos do PERE (Padrón Español de Residentes no Exterior) residen en Cuba, tras visitar nas últimas xornadas os Estados Unidos, onde están afincadas e afincados oficialmente 14.636.

Na primeira potencia do mundo, tanto en Nova York coma en Miami, Miranda intensificou os seus contactos con empresarias e empresarios galegos que alí desenvolveron iniciativas de éxito, coa fin de que sirvan de embaixadores e embaixadoras para abrir as portas ás e aos seus colegas de Galicia, e tamén fagan de informadores e promotores para posibles investimentos americanos na Galicia territorial. Ademais, Miranda tivo oportunidade de contactar con diversas entidades que agrupan aos galegos e galegas da diáspora en América do Norte.

1018 lecturas