A Xunta destina 900.000 euros ás infraestruturas das comunidades galegas no exterior no ano 2011.

O Diario Oficial de Galicia publicou onte a resolución pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións destes programas financiados pola Secretaría Xeral da Emigración.

Serán subvencionables a reforma, rehabilitación e conservación das instalacións e restauración do patrimonio das entidades galegas; a mellora das súas dotacións e equipamentos; e o acondicionamento e dotación ou renovación de fondos das súas bibliotecas.

Listen to this page using ReadSpeaker

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a resolución pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural ás comunidades galegas no exterior para o exercicio 2011, ás que a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Emigración, destinará un total de 900.000 euros.

A resolución publicada no DOG abrangue subvencións destinadas ás entidades galegas no exterior para a reforma, rehabilitación e conservación das súas instalacións e restauración do seu patrimonio; para a mellora de dotacións e equipamentos; e para o acondicionamento e dotación ou renovación de fondos de bibliotecas.
 

Tres liñas de axuda
Esta convocatoria de axudas para o vindeiro ano divídese, deste xeito, en tres liñas de apoio ás comunidades galegas no exterior: a primeira delas, de axudas a entidades galegas no exterior para a reforma, rehabilitación e conservación das súas instalacións. Neste caso o importe máximo da axuda ascenderá a 50.000 euros e serán subvencionables os investimentos que realicen as entidades galegas propietarias de instalacións para a súa rehabilitación e conservación; os investimentos que realicen as entidades galegas en obras imprescindibles de rehabilitación e conservación das instalacións que, aínda que non sexan propias, utilicen como sede habitual e permanente; a execución de obras de reforma que teñan como finalidade a ampliación, mellora, modernización, adaptación, adecuación ou reforzo de instalacións xa existentes titularidade das entidades galegas no exterior; a realización do proxecto de obras asinado por técnico competente e/ou expedición da preceptiva licenza municipal de obras (ata un 10 % do investimento total); e a restauración dos bens de interese artístico e histórico, así como daqueles documentos, fondos ou coleccións que conformen o patrimonio bibliográfico e documental titularidade das entidades galegas no exterior, levadas a cabo por técnicos competentes en cada unha das materias.

A contía máxima por subvención da segunda liña de axudas, destinada a entidades asociativas de emigrantes galegos no exterior para a mellora de dotacións e equipamentos, ascenderá a 20.000 euros. Neste caso, serán subvencionables os gastos derivados da adquisición, por parte das entidades, de mobiliario e equipamentos que contribúan a mellorar as condicións asistenciais, culturais, educativas, etc., en beneficio dos seus asociados; os equipamentos tecnolóxicos, informáticos e de telecomunicacións; os instrumentos musicais e a vestimenta tradicional galega destinados aos grupos de carácter cultural da entidade galega solicitante; a dotación de equipamentos e material para ludotecas destinados a espazos de xogo dentro das instalacións das entidades galegas, que contribúan ao desenvolvemento integral e positivo dos nenos fillos dos asociados; e calquera outro material inventariable que contribúa á mellora das dotacións e equipamentos das entidades galegas radicadas no exterior.

Con respecto ás axudas para o acondicionamento e dotación ou renovación de fondos das bibliotecas pertencentes ás entidades galegas no exterior, a contía máxima por subvención non poderá superar os 5.000 euros. Ao abeiro desta liña de subvencións poderán ser financiados os gastos de realización de obras de reforma, rehabilitación, conservación e restauración das dependencias que se destinen única e exclusivamente a bibliotecas; os equipamentos e adquisición de mobiliario destinado a bibliotecas; a dotación ou renovación dos fondos bibliográficos e a súa informatización; e a adquisición de equipamentos informáticos para a administración dos fondos bibliográficos dos centros.

Beneficiarios e prazo de presentación de solicitudes
Poderán ser beneficiarios destas subvencións as entidades galegas que teñan recoñecida a galeguidade, de conformidade coa Lei de recoñecemento da galeguidade, ou a súa condición de centro colaborador, mediante resolución aprobatoria ditada pola Secretaría Xeral da Emigración. Ademais, as entidades que presenten solicitude ao abeiro da terceira liña, de acondicionamento e dotación e/ou renovación das bibliotecas das entidades galegas, exíxelles que dispoñan nas súas instalacións de biblioteca propia.

O prazo de presentación de solicitudes será de 45 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. No caso de que o último día do prazo coincida en día inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

1835 lecturas