Modernización destina un millón de euros a subvencionar accións de difusión das novas tecnoloxías realizadas por entidades sen ánimo de lucro

O Diario Oficial de Galicia publicou onte a resolución destas achegas.

A Xunta financiará eventos de promoción da sociedade da información dirixidos á sociedade en xeral, e o investimento en equipamento TIC en entidades de interese social.

Listen to this page using ReadSpeaker

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica destina este ano 1 millón de euros a subvencionar, en réxime de concorrencia competitiva, actividades de difusión relacionadas co desenvolvemento da sociedade da información realizadas por entidades en ánimo de lucro. Así se recolle nunha resolución de axudas que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia.

Liñas de Axuda
A Secretaría Xeral de Modernización subvencionará, por unha banda, eventos de promoción e difusión da sociedade da información tales como xornadas, sesións de demostración práctica do uso de Internet, conferencias ou congresos de profesionais especializados que teñan como obxectivo promover o coñecemento de temas relacionados coas infraestruturas e servizos de telecomunicacións e a sociedade de información.

A outra liñas que contempla a resolución de axudas está destinada a subvencionar a adquisición de equipamento informático necesario para a promoción da sociedade da información nas entidades de interese social e sen ánimo de lucro inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, da Consellería de Traballo e Benestar.

Estas axudas están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde hoxe e poden realizarse no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia ou en formato papel, preferentemente no Rexistro Único da Xunta en San Caetano.

Subvención de Contidos dixitais
Esta resolución de axudas súmase a xa publicada o martes 28 de marzo na que se establecían as bases destinadas a subvencionar a incentivar a creación de novos proxectos do sector TIC galego por un importe de 2.600.000 euros. Estas axudas establecen dúas liñas de subvencións para que as empresas TIC poidan xerar e ofertar no mercado novos produtos e servizos tecnolóxicos.

Por unha banda, a orde contempla unha liña de axudas orientada á creación de novos produtos e servizos tecnolóxicos por parte das empresas TIC ou novas versións de produtos xa desenvolvidos ou comercializados con anterioridade. Por outra banda, a orde subvencionará a elaboración de produtos ou prestacións que melloren servizos de interese xeral para os cidadáns.

1323 lecturas