O Proxecto de Lei de Galeguidade preserva o patrimonio, dá pulo á muller e á mocidade, e consolida a asistencia sociosanitaria, nas comunidades galegas no exterior

Asemade, o proxecto recoñece a necesidade de aproveitar as comunidades no exterior para axudar á proxección económica de Galicia.

O fomento da unión entre entidades, que recolle o texto, persegue a mellora dos servizos que prestan as entidades e a eficiencia no investimento dos recursos.

O texto lexislativo substitúe ao de 1983, pioneiro no seu momento na lexislación nacional.

Xunta de Galicia - Secretaría Xeral da Emigración
Xunta de Galicia - Secretaría Xeral da Emigración
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2013.

O Goberno galego vén de dar o seu visto e prace ao anteproxecto da nova Lei de Galeguidade, que substituiría á vixente desde 1983, e que foi pioneira na súa materia en toda España. Nesa reforma traballou arreo a Secretaría Xeral da Emigración desde hai máis dun ano, e no X Consello de Comunidades Galegas contou co masivo respaldo dos centros e casas de Galicia, con recoñecemento de galeguidade, de todo o mundo.

Entre os eixos da nova Lei, cabe destacar a incorporación ao seu articulado da importancia das comunidades galegas no exterior como axuda á proxección económica de Galicia. Tamén cómpre salientar, como outro dos aspectos clave do novo texto legal, a preservación do patrimonio material e inmaterial das entidades galegas.

Faise fincapé asemade na conveniente unión daqueles centros que están a esmorecer paseniño. Para o Executivo galego, os centros na diáspora deben unirse para poder seguir garantindo as súas prestacións, sobre todo as socioasistenciais e sanitarias, que son as máis relevantes para os galegos e as galegas da diáspora e tamén para as entidades galegas no exterior. Neste senso, o fomento da unión entre entidades, que recolle o texto, persegue a mellora dos servizos que prestan as entidades e a eficiencia no investimento dos recursos.

O texto reflicte e fomenta o papel histórico e de presente das mulleres na Emigración galega, e a necesidade da súa participación plena no ámbito da Galeguidade.

Igualmente, fai un recoñecemento ás mozas e mozos, garantes da permanencia da chama da galeguidade en moitos lugares do planeta, e necesarios para a renovación xeracional.

Plásmanse ademais no proxecto as novas posibilidades de relación que abren as novas tecnoloxías entre a Xunta e os seus administrados, vivan estes onde vivan.

Agora que o Consello da Xunta xa deu luz verde, o texto do proxecto será remitido ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación nos primeiros compases deste período lexislativo.

1283 lecturas