A Xunta declara Ben de Interese Cultural a música e o baile tradicionais galegos, un patrimonio vivo tamén no exterior
Un recoñecemento que tamén pon en valor o papel das colectividades galegas no exterior na preservación da música e do baile tradicional, así como o apoio da Secretaría Xeral da Emigración á preservación da cultura tradicional na diáspora.
A declaración como BIC non só mira ao pasado, senón que abre unha oportunidade de futuro para recoñecer o talento galego no exterior e seguir construíndo unha identidade compartida que non entende de distancias.
A Xunta declara Ben de Interese Cultural a música e o baile tradicionais na categoría de patrimonio inmaterial “para poñer en valor un dos elementos máis importantes da identidade cultural galega: o noso folclore”. Así se acordou no Consello, onde se lle deu o visto e prace ao decreto, que se publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia e co que se lle outorga o máximo nivel de protección a ambos xeitos de expresión, xa que se recoñece que na tradición cultural galega o baile precisa da música para expresarse, polo que é inseparable dela.
Esta declaración, que elevará a 794 o número de Bens de Interese Cultural existentes en Galicia, chega tras recibir os informes favorables e motivados sobre o seu valor sobranceiro do Museo do Pobo Galego e do Museo Etnolóxico de Ribadavia, así como as achegas das comunidades e das entidades implicadas, o que permite culminar o proceso iniciado en novembro de 2024 pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Deste xeito, neste expediente os técnicos recoñecen a fonda pegada no pasado e no presente de Galicia da práctica tradicional do baile e da música, a súa dimensión histórica e a súa importancia como espazo de intercambio, de aprendizaxe, de sociabilidade ou de diálogo. De igual xeito, tal e como apuntou Calvo, o decreto tamén pon en valor “o gran labor que realizan as asociacións folclóricas” e das representacións escénicas como transmisores, estudosos e custodios de saberes do patrimonio inmaterial e da súa documentación, como por ser parte fundamental da difusión da identidade cultural galega.
Cantareiras, pandeireteiras e comunidades portadoras.
Entre as cuestións relevantes desta declaración está o recoñecemento do “gran protagonismo que teñen as mulleres no folclore galego”, segundo salientou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes. Así, son erixidas como as principais custodias dunha parte senlleira da memoria colectiva galega, capaces de conectar e reintegrar a tradición centenaria do pasado rural campesiño co presente urbano, con vocación de ficar no futuro.
Da mesma forma, outórgaselle un papel relevante á figura de portadora, aquela que posúe saberes, coñecementos, técnicas e métodos relacionadas co estudo, memoria e vivencia do baile e da música tradicional galega, incluíndo calquera dos planos prácticos nos que pode darse ou verse relacionada a execución, a transmisión ou a artesanía.
Neste expediente recoñécese tamén o traballo de transmisión e difusión que se fai desde o tecido asociativo, nas escolas de ensino regrado e non regrado, nas agrupacións, desde os proxectos musicais ou desde as foliadas que se organizan en todo o territorio galego. Nesta liña, sublíñase que as asociacións folclóricas fixeron un labor de documentación, transmisión e difusión de valor inestimable para Galicia, o que lles outorga un valemento para seren consideradas unha manifestación cultural máis da música e do baile tradicionais de Galicia, pertencente ás artes do espectáculo.
Medidas de salvagarda.
Nesta distinción de ben de interese cultural tamén se recollen unhas medidas de salvagarda para garantir que as vindeiras xeracións manteñan axeitadamente a herdanza cultural e o senlleiro legado patrimonial inmaterial contido na música e no baile tradicionais de Galicia, pola vez que para posibilitar a correcta transmisión desta manifestación cultural.
Segundo se recolle no decreto, estas medidas de protección teñen tres grandes focos de actuación. O primeiro deles estará vencellado coa investigación, o segundo punto incidirá na transmisión, no ensino e na sensibilización, e o terceiro grupo de accións estará encamiñado á protección, á conservación, ao mantemento e á revitalización.
Arquivo audiovisual público na rede e ensino formal.
Deste xeito, propiciarase que o sistema universitario galego contribúa ao fomento activo da investigación científica e académica sobre o baile e a música tradicional galegas. Ademais, tamén se posibilitará que os organismos e as administracións públicas asinen convenios con fundacións, asociacións ou padroados de titularidade privada de cara ao inventario, á catalogación, e á dixitalización de arquivos sobre material de música e bailes tradicionais. O obxectivo é a creación dun arquivo audiovisual público na rede, gratuíto e de libre acceso que conteña este material.
Ademais, solicitarase a colaboración do colectivo de docentes de Galicia para a elaboración de materiais didácticos no ensino formal de cara á adquisición de coñecementos básicos de baile e música tradicionais de Galicia. En canto ao ámbito do ensino non formal, solicitarase a colaboración das ANPAS e outros colectivos de cara á implantación de actividades extraescolares con estas materias.
Finalmente, recóllese que, transcorridos nove anos desde a declaración deste ben de interese cultural, se elaborará un estudo de actualización que avalíe o estado do ben de interese cultural e do impacto que sobre este exerceron tanto os procesos contemporáneos como a aplicación destas medidas de salvagarda.
Novas relacionadas





