Emigración traslada á Federación de Asociaciones Gallegas do Uruguai o compromiso de colaboración para a protección do patrimonio cultural de Casa de Galicia
Antonio Rodríguez Miranda destacou, durante a súa reunión coa presidenta deste ente, que a Xunta de Galicia complementa os mecanismos do Estado español para garantir que ningunha e ningún galego sen recursos queda sen cobertura sociosanitaria no Uruguai.
A Administración autonómica destinou medio millón de euros a mecanismos de apoio directo a galegas e galegos en situacións de dificultade económica así como a entidades galegas no Uruguai.
En 2021 beneficiáronse destas axudas directas máis de 300 familias de galegas e galegos do Uruguai en situación de precariedade económica.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo esta mañá unha reunión coa presidenta da Federación de Asociacións Gallegas do Uruguai, María Gil Pereira, a quen lle trasladou a total colaboración da Xunta cos galegos e galegas do país recordando que o Goberno da comunidade autónoma está a complementar os mecanismos do Estado español para garantir que ningunha e ningún galego sen recursos quede sen cobertura sociosanitaria.
O secretario xeral da Emigración destacou que a Xunta destinou no pasado 2021 preto de medio millón de euros tanto directamente a galegas e galegos en situacións de precariedade económica así como a entidades galegas. Deste xeito, en 2021 atendeuse directamente a máis de 300 familias con dificultades.
Antonio Rodríguez Miranda lembrou que a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Emigración, convoca anualmente axudas Económicas Individuais así como de Emerxencia que permiten apoiar socialmente ao longo do ano a quen o precisa. Tamén se axuda de xeito directo ao Hogar Español para garantir a viabilidade da atención ás e aos galegos que non contan cos recursos necesarios e mantéñense acordos con mutuas da colectividade española coa mesma finalidade.
Durante o encontro analizouse tamén a situación de Casa de Galicia, recordando Rodríguez Miranda que a Xunta leva meses a traballar xunto ás autoridades do país para protexer o patrimonio galego desta entidade, de xeito que se poida seguir a desfrutar pola colectividade no Uruguai.
Segundo lle trasladou Miranda a Gil Pereira, a Xunta sempre desexou un futuro viable e a permanencia da entidade polo ben de aquelas e aqueles aos que presta un servizo, “pero, como non podía ser doutro xeito, acatamos a decisión do poder xudicial uruguaio e a lexislación aprobada ao respecto polo Parlamento deste país”.
Recordou o secretario xeral da Emigración que o Goberno autonómico continúa a traballar coas e cos máximos responsables de cultura do país na protección íntegra do patrimonio cultural, histórico e artístico de Casa de Galicia, para minimizar os posibles riscos do actual proceso de liquidación.
“Nese sentido, ofrecemos a nosa total colaboración na busca de posibles alternativas, a través dun traballo conxunto, como xa en ocasións pasadas se desenvolveu, colaborando man a man gobernos e socios, así como tamén das distintas asociacións e entidades galegas no Uruguai que teñen interese na protección dese patrimonio”, engadiu Antonio Rodríguez Miranda.
A Xunta de Galicia, segundo o secretario xeral da Emigración, continuará a colaborar co Estado español no apoio social ás e aos galegos no Uruguai, “como vén facendo dende sempre, tanto a través de axudas de emerxencia social como a través de apoios económicos a entidades dedicadas ao coidado dos maiores e das persoas con graves dificultades persoais, de xeito que non se deixe a ninguén en situación vulnerable sen atención. Galicia é unha das poucas comunidades que mantén esta colaboración na protección dos nosos cidadáns e seguiremos a facelo porque sentimos que é o noso deber apoiar a nosa colectividade no exterior”.
Novas relacionadas