A Fundación Cidade da Cultura e o Consello da Cultura Galega asinan un convenio para colaborar na preservación e difusión do patrimonio cultural galego

En virtude deste acordo, a Fundación comprométese a ceder ao Consello da Cultura Galega o uso do espazo necesario no edificio da Biblioteca de Galicia para situar o persoal e os investigadores e a totalidade dos fondos que compoñen as súas catro seccións: o Arquivo Sonoro de Galicia, Arquivo da Emigración Galega, o Arquivo de Comunicación e o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presidiu a firma dun convenio que, segundo destacou, “simboliza o esforzo en común de organismos que, por riba de todo, comparten un gran propósito: a defensa e promoción da cultura galega”. O acto contou coa presenza do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño.

Listen to this page using ReadSpeaker

 

O Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, presidiu o pasado venres a sinatura dun convenio de colaboración entre o Consello da Cultura Galega e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Xunto ao presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño, o conselleiro explicou que, a través deste acordo, as institucións comprométense a colaborar estreitamente coordinando esforzos en todos os eidos que teñan que ver coa localización, adquisición, recuperación, tratamento técnico, conservación, dixitalización e difusión dos documentos bibliográficos creados en Galicia ou fóra de Galicia pero que estean relacionados coa súa xente, sociedade ou cultura en calquera momento ou lugar.

En virtude deste convenio, a Fundación Cidade a Cultura de Galicia comprométese a ceder ao Consello da Cultura Galega, a título gratuíto, por un período de dez anos, o uso do espazo necesario no edificio da Biblioteca de Galicia para situar o persoal e os investigadores e a totalidade dos fondos que compoñen na actualidade as catro seccións bibliográficas e documentais, denominadas Arquivo Sonoro de Galicia, Arquivo da Emigración Galega, Arquivo de Comunicación e Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, e os fondos que poida adquirir o Consello da Cultura Galega para acrecentar e actualizar as ditas seccións e sexan achegados durante toda a duración da cesión. Ademais, comprométese a que o espazo físico cedido goce das condicións ambientais axeitadas para garantir a boa conservación de todos os documentos e fondos do Consello da Cultura Galega.

Na súa intervención, o Conselleiro de Cultura e Turismo destacou a importancia que terá para a cultura galega o convenio asinado hoxe, xa que “simboliza o esforzo en común de tres organismos que, por riba de todo, comparten un gran propósito: a defensa e promoción da cultura galega”. En concreto, agradeceu a Ramón Villares “a vontade de colaboración e o interese amosado” para poder chegar ao acordo asinado esta mañá.

Roberto Varela lembrou que a Biblioteca de Galicia “é un espazo de referencia para a preservación do inmenso patrimonio gráfico e documental de Galicia e tamén un axente de proxección e difusión da nosa lingua, as nosas letras e a nosa literatura”. Por iso, asegurou que “é un motivo de satisfacción” que os fondos da Biblioteca de Galicia sigan medrando “grazas á nova inclusión das catro seccións bibliográficas e documentais do Consello da Cultura Galega”.

Segundo explicou, estas catro seccións –Arquivo da Emigración Galega, o Arquivo Sonoro de Galicia, o Arquivo da Comunicación e o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia- conteñen “documentos fundamentais para comprender a nosa cultura, conservar a memoria da emigración, coñecer o patrimonio oral ou acceder á documentación referida á evolución da nosa lingua”.

O Conselleiro de Cultura e Turismo tamén destacou que o convenio permitirá que o persoal e os investigadores do Consello da Cultura Galega “poidan gozar das instalacións da Biblioteca de Galicia e aproveitar os recursos que ofrece esta infraestrutura cultural”. “É unha proba de que a Cidade da Cultura naceu para sumar esforzos e para axudar á vertebración e dinamización da nosa cultura”, engadiu.

Co convenio asinado, a Consellería de Cultura e Turismo, a través do Servizo da Biblioteca de Galicia, comprométese a compartir co Consello da Cultura Galega os programas de xestión automatizada e plataformas de difusión pública, e facilitar a aplicación no proceso técnico documental das mesmas directrices e normativas nacionais e internacionais establecidas ou utilizadas pola Biblioteca de Galicia. Ademais, facilitará ao persoal do Consello da Cultura Galega os materiais e programas cos que conta para o tratamento, xestión e difusión dos fondos das seccións obxecto do presente convenio, así como a formación e información necesarias.

Pola súa banda, o Consello da Cultura Galega asume a obriga de que todos os procesos relacionados coa xestión dos fondos obxecto de convenio (como a localización, selección e adquisición, rexistro, descrición, ordenación e clasificación, dixitalización, etc.), incluída a atención personalizada aos estudosos e investigadores deses fondos, serán realizados polo persoal do Consello da Cultura Galega asignado a cada unha das súas seccións. Ademais, a institución sufragará directamente dos seus orzamentos os gastos do custo das adquisicións documentais que decida facer para os fondos das seccións do Consello, así como os gastos do seu persoal que realice os seus labores profesionais en virtude deste convenio no edificio da Biblioteca de Galicia.

O persoal dependente do Consello da Cultura Galega seguirá a traballar nos proxectos que para tal efecto sexan programados por parte da institución; e o persoal dependente da Biblioteca de Galicia asignado a seccións con contidos ou funcións iguais ou converxentes levará a cabo as tarefas e proxectos designados pola dirección desta. Non obstante, e co fin de acadar unha mellor coordinación na recollida, tratamento e posta a disposición pública, a Consellería de Cultura e Turismo e o Consello poderán asinar unha addenda anual na que se recollan os proxectos e tarefas que ambas as dúas partes levarán a cabo. O obxectivo é acadar a maior coordinación posible e o coñecemento por parte de cada unha das partes dos proxectos da outra, co fin de que se poida dar unha atención única e compartida aos investigadores e usuarios dos citados fondos.

Para o seguimento, control, asistencia técnica, coordinación ou actuación conxunta do previsto neste convenio de colaboración, constitúese unha comisión de seguimento, de xeito paritario, que estará formada por dúas persoas nomeadas por cada unha das partes asinantes deste convenio.

1199 lecturas