Máis de 40 participantes no programa da Xunta Escolas Abertas 2025 difundirán en 11 países o baile e a música tradicional de Galicia
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración acompañado, entre outros, do director de Turismo de Galicia, participou no acto de clausura do programa Escolas Abertas 2025.
O alumnado desta iniciativa imparte docencia en centros galegos do exterior e recibiron formación especializada nas modalidades de baile tradicional galego, canto popular, pandeireta, confección de traxe tradicional, gaita e percusión.
En concreto, procede de Arxentina, Uruguai, Cuba, Brasil, Venezuela, México, Chile, Costa Rica, Alemaña, EEUU e España, onde difundirán nestes países o aprendido en Galicia no marco deste programa co que se levan formado máis de 2.000 persoas.
José González subliñou o apoio do Executivo autonómico á comunidade galega no exterior a través da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 coa que se impulsan iniciativas a prol da integración sociolaboral das persoas que deciden regresar.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo de relevo o valor do programa Escolas Abertas como ponte de conexión entre Galicia e a diáspora galega que permite continuar preservando e difundindo a cultura e as tradicións galegas. Así o expuxo durante o acto de clausura da edición deste ano desta iniciativa, que tivo lugar entre o 4 de xullo e hoxe, e na que participan 44 alumnas e alumnos procedentes de 11 países de América e Europa -incluíndo outros puntos de España-.
Ao evento, celebrado na sede do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), tamén asistiron o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez, e alí o conselleiro destacou e agradeceu o labor das persoas participantes na iniciativa. Tanto, do profesorado, como do alumnado, que son persoas que imparten docencia nas entidades galegas do exterior e que nestes días recibiron formación especializada e cualificada no ámbito técnico e didáctico nas modalidades de baile tradicional galego, canto popular, pandeireta, confección de traxe tradicional, gaita e percusión.
En concreto, o alumnado procede de Arxentina, Uruguai, Cuba, Brasil, Venezuela, México, Chile, Costa Rica, Alemaña, Estados Unidos e España, onde difundirán o aprendido en Galicia no marco desta iniciativa coa que se levan formado máis de 2.000 persoas.
Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou a relevancia da formación para asegurar a transmisión daqueles elementos identitarios e tradicionais que definen a comunidade, como poden ser precisamente a música, a cultura, o canto e o baile, entre a xente da propia rexión e a que reside no exterior.
Xosé Merelles puxo en valor, ademais, a proxección internacional do CSHG, centro de referencia do sector turismo en Galicia. Con máis de 3.000 profesionais formados que desenvolven o seu labor en empresas de todo o mundo, a institución busca tamén difundir a gastronomía -outro dos elementos definitorios da terra- fóra da comunidade. Ademais, anualmente realiza convocatorias de bolsas dirixidas a residentes no exterior. Para o curso 2025-2026, o CSHG incrementou o seu número ata as 22 bolsas, das que 12 son para cursar o Curso Superior de Chef en Cociña e Pastelaría e outras 10 para o Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras. Precisamente, este luns 13 de xullo saíu publicada no Diario Oficial de Galicia a resolución de bolsas para realizar o vindeiro ano o curso superior de Chef de Cocina e Pastelaría. En total, serán 5 alumnos residentes no exterior os que cursen estes estudos.
Apoio á comunidade galega do exterior
Ademais, José González puxo de relevo o apoio da Xunta á galeguidade no exterior, fortalecendo programas como Escolas Abertas e impulsando novas iniciativas. Nesta liña, subliñou a importancia da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, no marco da que se impulsan programas orientados á integración sociolaboral dos que deciden retornar á Comunidade, ben como emprendedores ou ben como traballadores. Neste sentido, sinalou que esta planificación é posible grazas ao traballo da Administración galega para manter os vínculos coas persoas galegas do exterior. Un labor, especificou, que inclúe o reforzo de programas como Escolas Abertas.
Outro programa que destacou o conselleiro é o Retorna Cualifica Emprego, que ofrece en orixe traballos de calidade cos que volver a Galicia, complementados con formación e axudas para establecerse. Tamén se referiu, entre outras iniciativas, ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior para fomentar o regreso de xente nova con alta cualificación.
Novas relacionadas





