A Xunta concede as Distincións ao Mérito Deportivo de Galicia 2011 a 38 persoas e institucións polo seu labor a prol da promoción e fomento do deporte e da educación física na Comunidade

O presidente da Xunta asinou onte a resolución pola que se outorgan estes recoñecementos, logo das deliberacións do xurado, conformado por representantes do tecido produtivo galego, dos medios de comunicación e da Secretaría Xeral para o Deporte.

Das 38 distincións concedidas, seis delas son a título póstumo.

O acto de entrega desta primeira edición das distincións terá lugar o vindeiro luns en Pontevedra e estará presidido por Alberto Núñez Feijóo.

Listen to this page using ReadSpeaker

A Xunta de Galicia acaba de conceder as Distincións ao Mérito Deportivo de Galicia 2011 a 38 persoas e institucións que destacan polo seu labor a prol da promoción e o fomento do deporte e da educación física na comunidade galega. Así se establece na resolución asinada hoxe polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, logo das deliberacións do xurado, conformado por representantes do tecido produtivo galego, dos medios de comunicación e da Secretaría Xeral para o Deporte.

Con estas distincións, que este ano serán entregadas por vez primeira, o Goberno galego quere recoñecer o labor e a traxectoria de persoas e institucións no crecemento, promoción, fomento e excelencia do deporte e da educación física en Galicia, e isto, desde moi diversos ámbitos como o deportivo, o competitivo, o educativo ou o deporte de base, entre outros, e nas distintas e variadas funcións e facetas que abrangue o deporte e a educación física.

38 distincións, 6 delas a título póstumo
Segundo se establece na Resolución de 12 de maio, os galardoados nesta primeira edición coas Distincións ao Mérito Deportivo de Galicia son: Jesús González Margaride; Julia Vaquero Sousa; Luís Suárez Miramontes; Luís Gregorio Ramos Misioné; Marta Bobo Arce; Óscar Pereiro Sio; Ana Penas Balchada; Luís Otero Sánchez-Encinas (a título póstumo); Ramón Gil Sequeiro (a título póstumo); Genaro Borrás Sanjurjo (a título póstumo); José Luis Torrado Casal; Francisco Amoedo Martínez; Arsenio Iglesias Pardo; Jesús Carballo García; Claudina de Mena Rocha; Alfonso Ortega Casasnovas; Antonio Fraga Fernández; Manuel Iglesias "Zaragallas"; Guillermo Touza Rodríguez; Manuel Camiña; Horacio Barros González; Juan Varela Portas (a título póstumo); José Ramón Varela Portas; Julio Fernández Pérez; irmáns Rodríguez; familia Bouza Betríu; Rafael Olmedo Limeses; Santiago César Sanmamed Lora; Francisco Novoa Rodríguez; Antonio Prada Zorelle (a título póstumo); Antonio Santorio Otero (a título póstumo); Sergio Vázquez Gómez; INEF Galicia; Liceo Club Hockey; Real Club Náutico de Vigo; Real Club de Regatas Galicia; Federación de Asociacións a favor das Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia (FADEMGA); e Novacaixagalicia.

As 38 distincións concedidas, seis delas a título póstumo, serán entregadas o vindeiro luns, 16 de maio, en Pontevedra, nun acto que estará presidido polo titular da Xunta e no que participarán os galardoados, os seus familiares e achegados e representantes do mundo do deporte galego.

As Distincións ao Mérito Deportivo de Galicia
As Distincións ao Mérito Deportivo de Galicia creáronse por resolución do 28 de outubro de 2010, da Secretaría Xeral para o Deporte, co obxecto de recoñecer o labor ou traxectoria, notoria e exemplar no ámbito deportivo de Galicia, ás persoas físicas ou xurídicas, entidades ou organismos, que estean contribuíndo, ou contribuísen, ao crecemento, promoción, fomento e excelencia do deporte e da educación física da comunidade autónoma galega.

Na dita resolución establécese que os galardóns serán outorgados, anualmente e en número non limitado, por resolución do presidente da Xunta de Galicia, logo da proposta motivada polo xurado cualificador.

 

Foto: Federación Galega de Atletismo

1193 lecturas