Neira Vilas, socio de honor de Hijos de La Estrada

A entidade galega na Habana celebrou a súa xunta xeral o pasado domingo.

Imaxe dos socios e socias da Sociedad Hijos de La Estrada ao remate da xunta xeral na Habana. Foto: La Voz de Galicia.
Imaxe dos socios e socias da Sociedad Hijos de La Estrada ao remate da xunta xeral na Habana. Foto: La Voz de Galicia.
Listen to this page using ReadSpeaker
A Estrada, 22 de xaneiro de 2013.

A Sociedad Hijos del Ayuntamiento de La Estrada da Habana outorgou o título de socio de honra ao escritor cruceño Xosé Neira Vilas pola obra desenvolvida ata agora e tamén, apuntan, pola desenvolvida en Cuba ao longo de máis de trinta anos. A el débese, destacan, a creación da sección galega no Instituto de Literatura e Lingüística e onde «grazas ao seu inxente labor foron rescatados para a posteridade os fondos bibliográficos máis importantes do continente americano sobre a emigración galega».

A xunta xeral, reunida o domingo, concedeu os títulos honoríficos de presidente de honra a José Antonio Villanueva Sedes ex presidente de Hijosos de la Estrada e posuidor do seu título de mérito e a Jesús Barros López, neste caso a título póstumo. Jesús Barros ostentaba a Medalla de Bronce de Galicia que lle foi concedida no ano 2000, o de Presidente de Honra da Federación de Sociedades Españolas de Cuba, a de tesoureiro de Mérito de Hijos de La Estrada, ademais de innumerables diplomas de honra e mérito e de constancia por parte de máis de vinte sociedades españolas. O pasado ano a Federación de Sociedades Españolas de Cuba outorgoulle tamén con carácter póstumo o recoñecemento Miguel de Cervantes.

Na primeira xunta xeral de asociados e asociadas do ano a sociedade estradense en Cuba aprobou o presuposto para este ano e o balance de actividades do ano anterior, que sumou un total de 23 iniciativas. Aprobouse o plan de traballo e a realización de trece actividades. Entre elas a celebración dunha xornada das Letras Galegas en maio, que estará dedicado ao profesor do IES García Barros da Estrada, Carlos Loureiro Rodríguez e ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez.

A sociedade outorgou o título de mérito polo seu traballo na entidade a Antonio Torres Pérez, Aldo Hernández Monzón, Roberto Rodríguez Señarís, Nelly López Bellver, José A. Espinosa Santana e Luciana M. Martínez Alarcón. Os títulos de honra e de mérito serán entregados nas festas de San Paio en xuño.

 

Fonte e foto: La Voz de Galicia

949 lecturas