A Xunta apoiou 315 proxectos empresariais de galegas e galegos retornados en 2021

A Secretaría Xeral da Emigración destinou 1,5M€ para iniciativas emprendedoras, tanto para 146 galegas e  galegos que puxeron en marcha un novo negocio como para outras e outros 169 retornados que necesitaron apoio para as súas empresas a causa da covid-19.

Os tres países con maior número de solicitudes das Axudas ao Retorno Emprendedor foron nos últimos anos Venezuela, Reino Unido e Suíza.

Emigración practicamente dobrou a contía inicial das axudas, que era de 800.000 euros
Emigración practicamente dobrou a contía inicial das axudas, que era de 800.000 euros
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2022.

A Secretaría Xeral da Emigración apoiou a un total de 315 emprendedoras e emprendedores retornados tanto con Axudas ao Retorno Emprendedor para a posta en marcha de novos proxectos como a través de apoios económicos para paliar os problemas xerados pola covid en 2021.

En total, a Secretaría Xeral da Emigración destinou un millón e medio de euros para as iniciativas emprendedoras presentadas por 146 galegas e galegos do exterior que decidiron retornar a Galicia o ano pasado e poñer en marcha o seu negocio.  Tamén  para 169 retornadas e retornados beneficiarios de anteriores convocatorias ao emprendemento que solicitaron a liña de axudas para paliar os problemas causados pola pandemia.

Deste xeito, o departamento autonómico practicamente dobrou a contía inicial das axudas, que era de 800.000 euros, con dúas ampliacións de crédito para apoiar a todas e todos cantos presentaron solicitudes. 

Os tres países con maior número de solicitudes de axudas presentadas foron, nos últimos anos, Venezuela, Reino Unido e Suíza. 

Estes apoios económicos forman parte das accións específicas da Estratexia Galicia Retorna que puxo en marcha a Secretaría Xeral da Emigración en 2018 e que se prorrogou por mor da covid-19 ao longo do presente 2021.   

Esta liña de subvencións ten como fin favorecer o retorno á nosa comunidade autónoma dos galegos e galegas residentes no exterior de xeito que poidan fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia.  

As axudas son de 5.000 euros, aumentables en 1.000 se a beneficiaria é muller e outros 2.000 se se pon en marcha nun concello rural. 

419 lecturas