A Xunta apoiou a posta en marcha de 114 proxectos empresariais de galegas e galegos retornados durante o 2022
A Secretaría Xeral da Emigración destinou 1M€ para iniciativas emprendedoras.
Esta iniciativa enmárcase dentro da Estratexia Galicia Retorna, que acaba de renovarse e ampliarse ata o 2026 e que permitiu nos últimos anos o regreso de máis de 28.000 persoas galegas residentes no exterior.
Xa son máis de 600 os proxectos apoiados que supuxeron un impacto económico superior aos 32 millóns de euros para a economía galega, xa que o programa multiplica o retorno do investimento por 8.
A Secretaría Xeral da Emigración apoiou en 2022 a un total de 114 emprendedoras e emprendedores retornados a través da liña de Axudas ao Retorno Emprendedor, que teñen como obxectivo contribuír á posta en marcha de novos proxectos económicos en Galicia da man de galegas e galegos que volven á Comunidade procedentes do estranxeiro.
En total, a Secretaría Xeral da Emigración destinou un millón de euros para as iniciativas emprendedoras presentadas por aqueles galegos e galegas do exterior que decidiron retornar a Galicia o ano pasado e poñer en marcha o seu negocio. Os tres países con maior número de solicitudes de axudas presentadas nos últimos anos foron Venezuela, O Reino Unido e Suíza.
“Ademais desta medida económica, estamos a favorecer que estes novos negocios poidan contar cunha garantía de crecemento e proxección no tempo ofrecendo aos galegos retornados emprendedores a posibilidade de participar no programa Merlo, que pon á súa disposición o apoio e o asesoramento necesarios para que os seus proxectos poidan ter o éxito asegurado a través dun programa de mentorización”, explicou o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.
Estes apoios económicos forman parte das accións específicas da Estratexia Retorna, posta en marcha de xeito pioneiro pola Secretaría Xeral da Emigración en 2018 e que acaba de renovarse e ampliarse, duplicando orzamento e medidas, ata o 2026.
Favorecer o tecido empresarial galego
As Axudas ao Retornado Emprendedor teñen como fin favorecer o retorno á nosa Comunidade autónoma dos galegos e galegas residentes no exterior de xeito que poidan fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia.
Esta liña de axudas viuse incrementada este ano en dous mil euros, ata alcanzar os 10.000 por cada un dos proxectos beneficiarios, para sufragar os gastos orixinados pola implantación do novo negocio. A iniciativa conta cunha aportación directa de 6.000 euros que pode aumentar en 1.000 máis se emprende unha muller e noutros 3.000 se a persoa beneficiaria se instala nun concello rural.
Cun presuposto actual dun millón de euros, nos últimos anos esta medida permitiu destinar máis de 4M€ a facilitar a creación de case 600 proxectos empresariais en Galicia, cun impacto de investimento superior aos 32 millóns de euros para a economía galega, xa que o programa multiplica o seu retorno económico por 8. Deste modo, esta axuda aposta tanto polo retorno dos galegos e galegas do exterior como polo desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia.
Novas relacionadas