A Xunta apoiou proxectos empresariais de galegas e galegos retornados procedentes de máis de 40 países
Os tres países con maior número de solicitudes das axudas ao Retorno Emprendedor proceden de Venezuela, Reino Unido e Suíza.
O balance da Estratexia Galicia Retorna revela que o 60% dos beneficiarios e beneficiarias proceden de América, o 36% de Europa e o 4% restante do resto de continentes.
O 51,4% das e dos emprendedores retornados naceron en Galicia.
O balance da Estratexia Galicia Retorna permitiu comprobar que as emprendedoras e emprendedores retornados beneficiados coas Axudas ao Retorno Emprendedor da Secretaría Xeral da Emigración proceden de máis de 40 países dos cinco continentes.
A Xunta de Galicia destinou 3 millóns de euros a través das Axudas ao Retorno Emprendedor co obxectivo de facilitar a posta en marcha de 500 iniciativas empresariais de galegas e galegos retornados na comunidade autónoma.
Estas axudas forman parte das accións específicas da Estratexia Galicia Retorna que puxo en marcha a Secretaría Xeral da Emigración en 2018 e que se prorrogou por mor da covid-19 ao longo do presente 2021.
Estas e estes emprendedores retornados proceden de 40 países distintos, destacando como os tres primeiros Suíza, Reino Unido e Venezuela, que agrupan a máis do 50% destas e destes galegos. O 60% do total dos beneficiados e beneficiadas procede dalgún país do continente americano, o 36% de Europa, e o 4% restante do resto do mundo.
Ademais, cabe tamén facer referencia a que o 51,4% das e dos emprendedores retornados que solicitaron estas axudas naceron en Galicia e decidiron volver para poñer en marcha unha empresa ou unha iniciativa emprendedora.
Esta liña de subvencións ten como fin favorecer o retorno á nosa comunidade autónoma das galegas e galegos residentes no exterior de xeito que poidan fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia.
As axudas son de 5.000 euros, aumentables en 1.000 se a beneficiaria é muller e outros 2.000 se se pon en marcha nun concello rural.
Novas relacionadas