Emigración abre a nova convocatoria de axudas para proxectos de galegas e galegos retornados emprendedores, cunha liña específica COVID

Estas axudas poderán solicitarse dende hoxe ata o 30 de setembro, e suporán unha axuda de ata 8.000 euros para a posta en marcha dunha nova iniciativa e 3.000 no caso da liña de reforzo da actividade pola pandemia.

Dende a posta en marcha deste programa, foron case 300 as galegas e galegos retornados  que crearon proxectos empresariais apoiados a través da Xunta de Galicia. 

Imaxe de arquivo dun dos proxectos empresariais postos en marcha grazas ás Axudas ao Retorno Emprendedor
Imaxe de arquivo dun dos proxectos empresariais postos en marcha grazas ás Axudas ao Retorno Emprendedor
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2021.

O Diario Oficial de Galicia publicou onte, luns 29, o programa de Axudas ao Retornado Emprendedor que convoca a Secretaría Xeral da Emigración e que permite aos galegos e galegas que regresan á súa terra de orixe, xa fosen nados na Galicia territorial ou nos seus países de destino, sufragar gastos correntes orixinados pola posta en funcionamento dun negocio con ata 8.000 euros de subvención.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recordou que este programa de axudas ao emprendemento das e dos retornados conta este ano cunha liña especial a causa da covid-19, “xa que somos conscientes das dificultades que supón emprender e máis nun tempo tan complexo como o que estamos a vivir coa actual pandemia”.  

Deste xeito,  o programa conta con dúas liñas de axuda para persoas emigrantes galegas retornadas que exerzan a súa actividade laboral ou profesional na nosa comunidade autónoma, unha que promova o autoemprego co obxectivo de fomentar o establecemento como persoas autónomas ou por conta propia, e outra, relativa á covid-19, destinada a compensar as perdas provocadas pola redución da actividade económica das persoas traballadoras autónomas ou por conta propia no contexto actual de pandemia. 

En relación a esta última liña, cabe destacar que poderán ser beneficiarias as persoas con data de retorno a España entre o 1 de xaneiro de 2017 e o 31 de decembro de 2018, así como aquelas que retornando entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2019 foran beneficiadas dunha subvención para o autoemprego da Secretaría Xeral da Emigración na convocatoria dese ano. 

O prazo de presentación comeza hoxe, martes 30, e remata o 30 de setembro.

As axudas serán de 5.000 euros no caso da primeira liña (aumentables en 1.000 se a beneficiaria é muller e outros 2.000 se se pon en marcha nun concello rural) e de 3.000 no caso da segunda liña.

Esta liña de subvencións ten como fin favorecer o retorno á nosa comunidade autónoma das galegas e galegos residentes no exterior de xeito que poidan fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia.

Dende a posta en marcha deste programa, foron case 300 as galegas e galegos retornados que xa crearon un proxecto empresarial apoiado a través da Secretaría Xeral da Emigración, dos que 94 corresponderon ao 2020.  

Trátase dunha das máis de 50 medidas incluídas na Estratexia Galicia Retorna, de carácter transversal e coordinada pola Secretaría Xeral da Emigración coa colaboración de todos os departamentos da Xunta de Galicia.

En imaxes
682 lecturas