A Xunta agradece ás entidades galegas da Arxentina a súa colaboración na consecución dun ano Xacobeo extraordinario

O delegado da Xunta neste país, Alejandro López Dobarro, mantivo un encontro cos e coas representantes das entidades galegas no que se analizaron as liñas de apoio tanto para os centros como as galegas e galegos residentes no país do Cono Sur.

  • Imaxe da reunión celebrada na capital arxentina
    Imaxe da reunión celebrada na capital arxentina
  • Imaxe da reunión celebrada na capital arxentina
    Imaxe da reunión celebrada na capital arxentina
Listen to this page using ReadSpeaker
Bos Aires (Arxentina), 30 de decembro de 2022.

O delegado da Xunta na Arxentina, Alejandro López Dobarro, presidiu onte un encontro cos e coas representantes das entidades galegas neste país nas instalacións do Centro Lalín, Agolada e Silleda en Bos Aires, no que se fixo balance do traballo desenvolvido ao longo deste 2022 e no que, dende a Administración autonómica, se lles agradeceu “enormemente” aos centros galegos a súa colaboración para a consecución dun ano Xacobeo extraordinario. 

Neste senso, López Dobarro recordou que foron máis de 440.000 os peregrinos e peregrinas que conseguiron a súa compostela e que máis dun millón de persoas atravesaron a Porta Santa da capital galega. 

Ademais, durante a reunión tamén se fixo balance de todo o labor que a Xunta de Galicia realizou coas entidades galegas para a difusión e promoción da cultura da nosa terra, así como tamén da nosa lingua.

Por outro lado, o delegado da Xunta trasladoulles as cifras de colaboración, a través de diferentes liñas de axuda, tanto coas propias entidades arxentinas como cos galegos e galegas con maiores necesidades que residen no país do Cono Sur. 

Nesta reunión estiveron presentes máis de medio cento de representantes de entidades galegas na Arxentina. En concreto, asistiron membros de ABC del Partido de Corcubión, Asociación Casa de Galicia, Asociación Centro Partido de O Carballiño, Asociación Civil Galega Fillos do Porto do Son, Asociación Civil Hijos del Ayuntamiento de Zas, Asociación Finisterre en América, Asociación Galega de Residentes de Mos, Asociación de Residentes de O Grove en Bos Aires, Asociación Mutual, Cultural y Recreativa Tui Salceda, Asociación Navia de Suarna de Ayuda Mutua, Asociación Unión Residentes del Ayuntamiento de Carbia - Hoy Vila de Cruces en Buenos Aires, Centro Arzuano Melidense, Centro Galicia de Buenos Aires, Centro Gallego de Avellaneda, Centro Gallego de Jubilados y Pensionados de la República Argentina, Centro Gallego de La Plata, Centro Lalín, Agolada e Silleda de Bos Aires, Círculo Social Val Miñor de Galicia en Bos Aires, Hogar Gallego para Ancianos, Sociedad Parroquial de Vedra, Sociedad Galega de Arantei, Vilamarín e A Peroxa, Mutual Ospaña, e Asociación de Empresarios Gallegos en Argentina-Aega.

329 lecturas