Xosé Neira Vilas, un escritor «grande» para os rapaces e as rapazas
O autor de «Memorias dun neno labrego» achegouse ata Ribeira.
«Escribino en Bos Aires, a finais do 1960, nun bar. O camareiro foi o primeiro lector que tivo. Escribino en galego e durante os 43 anos que pasei na emigración, non falei outro idioma que non fose ese», explicou o escritor Xosé Neira Vilas o pasado martes, no auditorio de Ribeira.
«Alédome de estar en Ribeira, neste día soleado e co mar de fondo. Eu, que o coñecín con 19 anos». Iso foi o que dixo Neira Vilas durante a inauguración da exposición Querido Balbino, 1961-2011. Cincuenta anos de Memorias dun neno labrego. Acompañábano o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o alcalde, Manuel Ruiz, e as concelleiras Elvira Pisos e Maricarmen Vizcaya. Uns e outras, diante dos rapaces e as rapazas que había sentadas, incidiron no carácter de «grande» que ten o autor, «un dos nosos clásicos». O rexedor tildou Memorias dun neno labrego de «o noso Quixote» e Valentín García de «o Harry Potter galego», a máxima expresión dos moitos Balbinos que houbo en Galicia.
O propio Neira Vilas agradeceulle á responsable de Normalización Lingüística, Alicia Padín, o seu esforzo para que a exposición chegase a Ribeira. Acompañado do seu bastón, e de andar paseniño, este autor galego chamou a atención pola súa capacidade de fala. Firme, con moitos datos, sen perder folgos. Fixo primeiro un repaso de todos os lugares por onde pasara a mostra, que leva peregrinando dende abril do 2011. «Balbino está na literatura, está nesta exposición e está tamén no teatro, grazas a Cándido Pazó, que leva xa moitas representacións de Memorias das memorias dun neno labrego, con moito éxito», afirmou. Está tamén en pedra, pois Balbino ten un monumento feito pola Escola de Canteiros de Pontevedra e, o libro, incluso unha rúa. Algo novidoso.
A importancia do galego
Neira Vilas insistiu en que, do libro, non importaba o autor, senón o que implicara. «Sei que en seis ou sete lugares coñeceron que Galicia existía e tiña unha lingua de seu a través desta obra, algo no cal eu insistía moito en que quedase claro, e é aí onde está a súa relevancia». Citou, unha por unha, ás persoas responsables das traducións a, alomenos, 17 idiomas. A continuación, firmou exemplares da obra. Moitos.
Neira Vilas deixou o auditorio á unha para achegarse ao colexio de Frións, onde o agardaban ducias de rapazas e rapaces, chegados tamén dos centros de Carreira e Aguiño. Agasallárono cunha canción, na presenza do director do colexio, Luís Teira, ademais de Valentín García e Maricarmen Vizcaya. «Galicia é a nai e é a patria. O meu principio e fin. A miña razón de vivir. A nosa lingua é o meu orgullo», díxolles o autor.
Fonte: La Voz de Galicia | Foto: La Voz de Galicia
Novas relacionadas