Alumnado de Filoloxía da USC réndelle homenaxe a Xosé Neira Vilas a través dunhas xornadas que afondan na súa obra

A Secretaría Xeral de Política Lingüística apoia esta iniciativa, que se enmarca nas celebracións dos 50 anos da publicación de Memorias dun neno labrego.

Listen to this page using ReadSpeaker

O estudantado de filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) vén de sumarse á celebración dos 50 anos da publicación de Memorias dun neno labrego. Faino cunha homenaxe ao seu autor, Xosé Neira Vilas, a través da organización dunhas xornadas que se desenvolven entre hoxe e mañá na Facultade de Filoloxía da USC e coas que colabora a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

As xornadas de homenaxe a Xosé Neira Vilas afondarán en Memorias dun neno labrego, así como no resto da obra do escritor, e incidirán no contexto político e social da creación e difusión deste libro. O traballo cultural galego no exilio americano, o mundo rural ou os novos xeitos de cultura son outros dos temas que se tratarán nas xornadas, a través de diversos relatorios.

A clausura das xornadas incluirá un coloquio co autor de Memorias dun neno labrego e mais unha homenaxe, que contará cun recital poético e cunha actuación musical.

“Querido Balbino”: un percorrido pola vida e obra de Neira Vilas
Con motivo da conmemoración dos 50 anos de Memorias dun neno labrego, a Secretaría Xeral de Política Lingüística tamén impulsou Querido Balbino. 1961-2011 Cincuenta Anos de Memorias dun neno labrego, unha exposición organizada pola Consellería de Cultura e Turismo e na que tamén colaboran a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural e a Deputación de Pontevedra.

A mostra, que foi inaugurada o día 1 deste mes na Biblioteca González Garcés da Coruña, inclúe fotografías, vídeos e correspondencia que permiten coñecer a traxectoria vital de Xosé Neira Vilas e de Memorias dun neno labrego. Exhíbense, ademais, 10 traballos de pintores galegos que renden a súa particular homenaxe á obra máis lida da literatura galega.

En imaxes
1701 lecturas