Xosé Manuel Malheiro pronunciou na Biblioteca Antonio Pérez Prado de Bos Aires unha conferencia sobre o legado da nosa diáspora no sistema educativo de Galicia

O profesor na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña disertou baixo o título "Instruír e traballar. As institucións galegas en América e o seu legado en Galicia" sobre as características do sistema escolar en Galicia a finais do século XIX e comezos do XX e a aportación da emigración galega no mesmo.

Apuntou que as sociedades de instrución creadas pola nosa emigración en América financiaron e/ou dotaron máis de 350 escolas por todo o territorio galego.

  • Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez, nun momento da súa intervención.
    Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez, nun momento da súa intervención.
  • Na imaxe, o profesor Malheiro e Francisco Lores, presidente da  Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina
    Na imaxe, o profesor Malheiro e Francisco Lores, presidente da Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina
Listen to this page using ReadSpeaker
Bos Aires, 16 de xuño de 2013.

Unha cautivante conferencia ofreceu o Dr. Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez, sobre as características do sistema escolar en Galicia a finais do século XIX e comezos do XX denominada Instruír e traballar. As institucións galegas en América e o seu legado en Galicia. Na súa disertación, o pasado venres 14 de xuño na Biblioteca Galega de Bos Aires "Antonio Pérez-Prado", o profesor da Universidade da Coruña e integrante de varios proxectos de investigación, referiuse a esta iniciativa, unha das máis interesantes e fermosas protagonizadas pola emigración galega en América: a súa intervención escolar en Galicia.

Malheiro Gutiérrez comezou explicando como era o sistema escolar a fins do século XIX e principios do XX, sinalando que tal vez o máis indicado sería dicir que había unha total ausencia. A inexistencia desa mínima rede escolar, cunha infraestrutura axeitada, e as características socioeconómicas do mundo rural e mariñeiro galego, pesaban sobre o nivel de educación formal entre os galegos e as galegas que vivían na súa terra, e tamén entre as e os emigrados.

Foron estes e estas, xustamente, quen ao entrar en contacto en Bos Aires, A Habana, Montevideo ou Río de Xaneiro con sociedades máis desenvolvidas, onde o Estado interviña, con forza no sistema educativo (particularmente notable no caso arxentino), tomaron conciencia do valor dunha mellor formación e, ás veces por iniciativa propia, e noutras respondendo a pedidos concretos dende a súa terra de orixe, agrupáronse para crear centos de sociedades de instrución.

O investigador subliñou que estas formas asociativas de alcance microterritorial, que tomaban como ámbito de referencia espazos inferiores á provincia (a bisbarra, o partido xudicial, o municipio, a parroquia), financiaron e/ou dotaron máis de 350 escolas por todo o territorio galego, dende onde non só apuntaron a mellorar a educación formal do país, senón directamente a rexenerar a súa poboación, educándoa nos valores democráticos e progresistas, a educación laica e, en definitiva, a posibilidade dunha mellora substancial na calidade de vida a partir da formación individual e a acción colectiva.

A charla, ilustrada cunha abundante cantidade de fotografías, foi seguida con grande atención polo público presente, que agradeceu ao Dr. Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez as súas máis de dúas horas de disertación con múltiples preguntas e un pechado aplauso final.

 

Fonte e fotos: Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina

870 lecturas