Completouse a doazón do fondo bibliográfico Antonio Pérez-Prado á Biblioteca Galega de Bos Aires

Fillo de emigrantes de Lugo, este científico, intelectual e galeguista faleceu en Bos Aires en 2009.

Na imaxe, Antonio Pérez-Prado. Foto: MEGA.
Na imaxe, Antonio Pérez-Prado. Foto: MEGA.
Listen to this page using ReadSpeaker
Bos Aires, 14 de decembro de 2012.

A Biblioteca Galega de Bos Aires "Antonio Pérez-Prado" informa que ingresou hai poucos días, en carácter de doazón, a biblioteca persoal do destacado médico hematólogo, divulgador científico e escritor de orixe galega, Antonio Pérez-Prado.

As autoridades destacaron especialmente a vontade que manifestou a familia para que puidese cristalizarse a decisión que oportunamente Pérez-Prado expresara de que a súa biblioteca puidese ser consultada gratuitamente nunha entidade galega tan representativa como a Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina.

Tras un extenso labor de clasificación realizada pola súa viúva Graciela Mosquera, sobre os fondos documentais e bibliográficos, hoxe a Biblioteca da Federación conta con 5.500 volumes máis para a súa consulta, completando deste xeito a doazón que ascende a un total de 6.300 libros.

En breve, este importante fondo bibliográfico poderase consultar baixo a denominación "Colección Pérez-Prado", que se suma aos demais fondos que posúe a Biblioteca Galega de Bos Aires.

Cabe recordar que o 8 de xullo de 2010, tras o falecemento deste intelectual acontecido en setembro de 2009, a Federación de Asociaciones Gallegas e o Museo da Emigración Galega na Arxentina (MEGA) realizaron unha exposición-homenaxe á que asistiron, a súa filla Aixa xunto a dous dos seus netos. Nesa oportunidade, fixeron entrega de ao redor de 800 libros para a biblioteca que dende ese entón leva o seu nome.

Fillo de emigrantes de Lugo, Pérez-Prado, naceu o 19 de novembro de 1926 en Bos Aires. Ao longo da súa vida foi un acérrimo defensor dos principais sinais de identidade de Galicia, que comezou a coñecer dende moi pequeno, grazas á súa nai e a unha empregada doméstica igualmente galega, que lle ensinaron contos e cantos típicos, e tamén ao feito de ter pasado en 1929 mais de medio ano en Galicia.

A súa rica traxectoria marca que escribiu numerosos artigos na prensa arxentina e como profesional da saúde, foi autor de varios tratados de divulgación científica. Non obstante, a súa obra máis significativa fíxoa en 1973, cando escribiu Los gallegos y Buenos Aires, un libro de referencia obrigada para o estudo da emigración galega na Arxentina, e que en 2007 reeditou a Editorial Corregidor.

Foi, ademais, o guionista do documental Castelao (Biografía de un ilustre gallego), filme realizado en 1980 polo director arxentino Jorge Prelorán, un dos maiores documentalistas de América Latina.

777 lecturas