Unha xornalista galega retornada deseña campañas web de acción social para organizacións internacionais dende Vigo apoiada pola Xunta

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, coñeceron hoxe a iniciativa dunha viguesa, retornada dos Estados Unidos, que puxo en marcha unha empresa.

A liña de Axudas ao Retorno Emprendedor, que este ano chega ata os 10.000 euros, continúa aberta ata o 30 de setembro.

En 2021 beneficiáronse destas axudas un total de 18 empresas na área da Delegación da Xunta en Vigo.

  • Imaxe da visita do secretario xeral da Emigración e a delegada da Xunta en Vigo á sede de Rewire Design
    Imaxe da visita do secretario xeral da Emigración e a delegada da Xunta en Vigo á sede de Rewire Design
  • Imaxe da visita do secretario xeral da Emigración e a delegada da Xunta en Vigo á sede de Rewire Design
    Imaxe da visita do secretario xeral da Emigración e a delegada da Xunta en Vigo á sede de Rewire Design
  • Imaxe da visita do secretario xeral da Emigración e a delegada da Xunta en Vigo á sede de Rewire Design
    Imaxe da visita do secretario xeral da Emigración e a delegada da Xunta en Vigo á sede de Rewire Design
Listen to this page using ReadSpeaker
Vigo , 7 de setembro de 2022.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias, coñeceron hoxe o proxecto empresarial dunha viguesa retornada dos Estados Unidos que desenvolve campañas dixitais e de xestión de redes para organizacións internacionais de acción social.

María Blanco Lora contou cunha axuda de 6.000 euros da Secretaría Xeral da Emigración a través do programa de Axudas ao Retorno Emprendedor co obxectivo de poñer en marcha esta nova iniciativa denominada Rewire Design, unha empresa de comunicación e deseño que ten como obxectivo colaborar en campañas web, xestión de redes e deseño dixital para organizacións non gobernamentais do ámbito social e medioambiental de todo o mundo. 

Blanco Lora retornou dos Estados Unidos en 2020, tras traballar nas Nacións Unidas, América do Sur, Finlandia, Afganistán e Tailandia, e solicitou a liña de Axudas ao Retorno Emprendedor da Secretaría Xeral da Emigración. Precisamente, o secretario xeral da Emigración aproveitou a visita para recordar que esta liña de axudas continúa aberta ata finais de setembro, cun orzamento que en 2022 rolda o millón de euros. “De feito, este ano aumentamos a dotación da mesma, e os interesados poden chegar a recibir ata 10.000 euros, co obxectivo de colaborar coas persoas emigrantes galegas retornadas para que poidan exercer a súa actividade laboral ou profesional na nosa comunidade autónoma, promovendo o autoemprego”.

O secretario xeral destacou o labor desta xornalista “que tras adquirir unha gran experiencia no ámbito no que está a desenvolver o seu labor, optou por poñer en marcha aquí a súa empresa e xa ten a seis persoas contratadas, colaborando así no sistema económico e social de Galicia”.

As axudas serán de 6.000 euros no caso da primeira liña (aumentables en 1.000 se a beneficiaria é muller e outros 3.000 se se pon en marcha nun concello rural), podendo chegar así ata un total de 10.000 euros.

En 2021 a área da Delegación da Xunta en Vigo contou con 18 beneficiadas e beneficiados por estas axudas, 12 deles na cidade olívica, 3 en Cangas, 2 en Gondomar e 1 en Fornelos de Montes.

Desde a posta en marcha deste programa, foron case 600 as galegas e galegos retornados que xa crearon un proxecto empresarial apoiado a través da Secretaría Xeral da Emigración. “A Xunta investiu algo máis de 4M€, pero o impacto económico para Galicia foi máis de 32M€,  así, por cada euro que a axuda dá para poñer en marcha un negocio, os beneficiarios multiplican por oito o investimento”, comentou Miranda

Esta liña de subvencións ten como fin favorecer o retorno á nosa comunidade autónoma das e dos galegos residentes no exterior de xeito que poidan fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia. 

Trátase dunha das máis de 60 medidas activas da Estratexia Galicia Retorna, de carácter transversal e coordinada pola Secretaría Xeral da Emigración coa colaboración de todos os departamentos da Xunta de Galicia.

189 lecturas