As xeracións nadas na diáspora “conforman unha parte fundamental do futuro de Galicia”, afirma Miranda no Brasil

O secretario xeral da Emigración asegura en Sâo Paulo que as ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’ son un compromiso firme do Goberno galego para favorecer o retorno tamén das e dos que naceron no estranxeiro.

O alto cargo asinou un acordo de colaboración en materia social coa sociedade ‘Rosalía de Castro’ de Santos.

  • Antonio Rodríguez Miranda tamén presentou as Bolsas ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’ en Sâo Paulo
    Antonio Rodríguez Miranda tamén presentou as Bolsas ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’ en Sâo Paulo
  • O secretario xeral da Emigración presentou en Santos as ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’
    O secretario xeral da Emigración presentou en Santos as ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’
  • Miranda asinou un convenio en materia socioasistencial coa Sociedade ‘Rosalía de Castro’ de Santos
    Miranda asinou un convenio en materia socioasistencial coa Sociedade ‘Rosalía de Castro’ de Santos
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 11 de maio de 2017.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asinou hoxe en Santos un acordo de colaboración para atender as necesidades socio asistenciais das cidadás e dos cidadáns galegos residentes na zona coa ‘Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficente Rosalía de Castro’ de Santos, que preside Casto Vieitez.

Miranda, acompañado da xefa da Oficina Laboral da Consellería de Emprego e Seguridade Social da Embaixada de España, Ana María Serrano, asinou o acordo en materia social con esta entidade, que ten a súa sede nunha poboación cun relevante número de galegas e galegos e está a desenvolver unha importante política socio asistencial orientada a persoas maiores. Nas súas instalacións, a citada entidade xestiona ambulatorio médico, servizos de odontoloxía, oftalmoloxía, psicoloxía, e dispón dunha traballadora social, e proporciona ás e aos emigrantes galegos actividades sociais, de esparexemento, cultural e recreativas, así como asistencia mutual e de saúde.

Por mor do convenio, a entidade comprométese a prestar atención social individualizada, a través da figura dun traballador social, que exercerá as funcións de coordinador do servizo; atención á saúde, a través dun servizo médico situado nas instalacións do centro; asistencia integral, que incluirá a rehabilitación e estimulación física, cognitiva e socio afectiva, charlas e conferencias sobre a saúde na persoa maior, servizo de dinámicas socio culturais, e xornadas médicas preventivas; e tamén axudas individuais para adquisición de medicamentos ou de carácter asistencial básico.

As e os destinatarios deste convenio, dotado con 12.000 euros, serán as persoas maiores de orixe galega ou descendentes destas, ata o segundo grao de consanguinidade, con nacionalidade española e residentes no Brasil, con problemas derivados da dependencia física ou psíquica.

Bolsas Excelencia
A sinatura do convenio tivo lugar no ‘Centro Español e Repatriación’ de Santos, que preside Carlos Fernández dos Santos, onde posteriormente o secretario xeral da Emigración presentou á mocidade do Brasil as ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’, como xa fixera en Venezuela, Arxentina, Uruguai, Cuba, México e Chile.

Miranda afirmou, en referencia aos galegos e galegas fillos e netos de emigrantes, que “as xeracións nadas na diáspora conforman unha parte fundamental do futuro de Galicia. Mentres outros ven a estes galegos residentes fóra do territorio coma un problema, no Goberno galego vémosvos como una oportunidade”. Neste sentido, asegurou o secretario xeral, “estas Bolsas son un compromiso firme do Goberno galego para favorecer o retorno, tamén dos que nacestes no estranxeiro”.

Sâo Paulo
Despois, Miranda trasladouse ata a ‘Sociedade de Socorros Mutuos e Instruçâo’ de Sâo Paulo, que dirixe María Dolores Daparte, na que falou coas socias e socios para coñecer directa e persoalmente as inquedanzas e perspectivas dos galegos e as galegas residentes na megalópole brasileira. Alí, tamén ante a mocidade residente en Sâo Paulo, de novo presentou as Bolsas e insistiu no papel de mozas e mozos da diáspora no futuro de Galicia.

Segundo os últimos datos do INE, en Brasil residen 47.753 galegas e galegos, dos que o 73’55% naceron xa na diáspora. Estes datos confirman a Brasil como o terceiro país no continente americano onde máis cidadás e cidadáns galegos residen na actualidade, tras Arxentina e Venezuela.

1235 lecturas