A UNED facilita á colectividade galega no exterior o acceso aos graos universitarios co bacharelato homologado

A Secretaría Xeral da Emigración acordou colaborar a través da UNED de Ourense para facilitar á colectividade do exterior a información sobre o acceso á formación superior.

Na imaxe, o secretario xeral da Emigración e o director do Centro Asociado da UNED en Ourense
Na imaxe, o secretario xeral da Emigración e o director do Centro Asociado da UNED en Ourense
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2020.

A Secretaría Xeral da Emigración informa á colectividade do exterior, así como ás e aos emigrantes retornados, sobre as posibilidades que ofrece a Universidade a Distancia (UNED) para acceder á formación superior en Galicia.

Deste xeito, as persoas interesadas en cursar unha carreira nunha das tres universidades galegas, teñen que realizar o PCE, que son as probas comúns específicas, sumando o resultado final deste exame á nota media do bacharelato homologado pola Xunta de Galicia.

Sen embargo, estas probas non son necesarias para cursar os graos que a UNED oferta, xa que esta Universidade permite acceder directamente co bacharelato homologado (ou co xustificante de pagar os trámites correspondentes). As e os estudantes permanecen un ano neste centro, e logo poden continuar alí os seus estudos ou solicitar o seu traslado de expediente ás universidades presenciais que o desexen, gañando así un ano de formación académica. 

A maiores, a UNED permite este ano académico matricularse directamente nos graos que oferta cos títulos de bacharelato obtidos antes do curso 2015/2016. 

Tamén é interesante que esta colectividade saiba que, co acceso para maiores de 25 anos superado, obteñen o equivalente á ESO, e se posteriormente se matriculan nun grao universitario da UNED e superan alomenos 15 créditos ECTS, conseguen o equivalente ao bacharelato, “o que fai moi atractivo este tipo de estudos para aquelas persoas que non dispoñen de documentación académica acreditable para o mercado laboral”, explicou o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda. 

O responsable deste departamento autonómico agradeceu a colaboración da UNED de Ourense para canalizar esta información á colectividade exterior, recordando que a Universidade a Distancia é a universidade pública máis grande de España e con maior número de alumnas e alumnos, e pola que, ao longo dos seus 50 anos de existencia, pasaron xa 3 millóns de expedientes. Nestes intres, Galicia conta con catro centros, un en cada capital de provincia. 

ENLACES COA INFORMACIÓN DA UNED: (picar aquí para descargar en pdf)

894 lecturas