Tui e a localidade alemá de Versmold formalizarán o seu irmandamento en abril

Cinco mozos tudenses xa traballan en fábricas de embutidos da vila xermana onde residen numerosas e numerosos emigrantes galegos.

A pretensión é ampliar a inserción laboral.

Os alcaldes de Tui e de Versmold (no centro) e persoas membros das dúas corporacións, en Tui. Foto: E.G.
Os alcaldes de Tui e de Versmold (no centro) e persoas membros das dúas corporacións, en Tui. Foto: E.G.
Listen to this page using ReadSpeaker
Vigo, 27 de decembro de 2012.

A cidade de Tui e a localidade alemá de Versmold formalizarán o seu irmandamento entre o día 3 e o 8 de abril de 2013. É a data prevista que deu a coñecer a pasada semana o alcalde tudense Moisés Rodríguez. Na actualidade traballan en Versmold un total de cinco mozos de Tui que están empregados en fábricas de embutidos. Todos eles se anotaran no Concello de Tui como demandantes de emprego na vila xermana.

O Concello tudense recibiu ao redor de 150 currículos de persoas interesadas en traballar neste lugar, aínda que ata a data non se rexistraron máis insercións laborais.

O concelleiro de Formación e Persoal del Concello de Tui, José Ángel Villaverde, informou que o Concello de Versmold creou un oficina de orientación para a persoa emigrante e está a valorar os currículos enviados dende Tui. Durante o encontro previsto en abril, espérase reactivar a inserción laboral de máis aspirantes, conta o edil. "Dende Tui traballamos para tratar de que iso aconteza", afirma Villaverde.

Recorda que o pasado mes de marzo, durante a visita que realizaron o alcalde e concelleiros de todos os grupos representados na corporación "o obxectivo era conseguir oportunidades de traballo para demandantes de emprego de Tui. Entrevistámonos con empresas e posteriormente enviáronnos un listado de posibles postos a cubrir", correspondentes a diversos oficios. Villaverde pon como exemplo que as e os traballadores alemáns do ramo da construción teñen unha preparación similar á que se adquire nos ciclos formativos.

Os cinco mozos tudenses que están a traballar en Versmold regresarán ás súas casas de Tui o próximo día 5 de xaneiro e permanecerán durante uns días en Galicia, antes de reincorporarse aos seus postos de traballo e cumprir o contrato por seis meses que asinaron.

Fútbol e estudos
Un deles é Antonio Fernández Cerviño, de 20 anos de idade. A súa nai, Carmen Cerviño, conta que "está alí con outros dous amigos. Viven nunha casa que alugaron. Os tres pertencían ao Tyde F. C.. O meu fillo xa non xoga, pero os seus dous amigos si se integraron no club de fútbol de Versmold. Ademais reciben clases de alemán e estudan xunto con outros emigrantes españois que tratan de sacar adiante unhas oposicións despois de traballar". Resalta o bo trato que teñen con outros mozos e con habitantes deste lugar que ten centro galego, con numerosos e numerosas emigrantes tudenses, algúns deles e delas residentes dende hai décadas.

 

Fonte e foto: Faro de Vigo

950 lecturas