A primeira axencia que embarcou emigrantes dende o porto de Vigo

Dársena de A Laxe (Porto de Vigo) no ano 1895. Foto: Porto de Vigo.
Dársena de A Laxe (Porto de Vigo) no ano 1895. Foto: Porto de Vigo.
Listen to this page using ReadSpeaker
Vilagarcía de Arousa, 3 de marzo de 2013.

García-Reboredo é a primeira consignataria galega, e probablemente, a primeira de España. De feito, empezou a súa andaina no ano 1830, así que a quinta xeración da familia prepárase para celebrar os seus douscentos anos de existencia.

Foi José García Reboredo o que, dende Vilagarcía, empezou a embarcar emigrantes no porto de Vigo, actividade que se acrecentou cando os barcos empezaron a partir da ría de Arousa. Foi un precursor no seu pobo, xa que a familia, oriúnda de Carril, puxo en marcha a actividade consignataria mesmo antes de que o porto carrilexo alcanzase o seu esplendor. Como fixeron as demais casas consignatarias que había entón, cando a rada se trasladou a Vilagarcía, tamén eles abriron oficina na localidade que, co tempo, daría nome ao concello.

A proxección de García-Reboredo foi tal que mesmo tivo sucursal en Bos Aires. En 1856 obtivo a representación en Vilagarcía da Compañía Trasatlántica Española, e en 1880, cando a Lloyd Norte Alemán empezou a enviar buques a España, contactou con José García Reboredo e nomeouno o seu axente en España. Co tempo, os buques desa compañía chegaron a facer escala en Vilagarcía.

Cando estalou a primeira Guerra Mundial, un buque que estaba en Vilagarcía consignado por Reboredo, o Cap. Arcona, decidiu quedar no porto arousano á espera de que finalizase a contenda. A consignataria ocupouse das necesidades da tripulación, á que mesmo brindou a súa casa. Moitos deles quedaron aquí, e por iso hai en Vilagarcía apelidos alemáns como Rietz ou Meller, descendentes daqueles mariñeiros.

Hoxe, a empresa está en mans de Luis García-Reboredo Mendoza. A oficina, na rúa Valentín Viqueira, ten máis de cen anos de historia. Luis, xunto con José Manuel, Francisco, Juan e Martina, continúa a saga das empresas con máis soleira de España.

 

Fonte: La Voz de Galicia | Foto: Porto de Vigo
 

1176 lecturas