O Concello da Coruña promoverá a integración de inmigrantes co programa Agra-Activa
O proxecto, desenvolvido a través da ONG Ecos do Sur, inclúe itinerarios personalizados para a inserción sociolaboral e apoio psicolóxico a familias.
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Servizos Sociais, favorecerá a integración da poboación inmigrante a través dun programa, que se enmarca dentro do Urbana C, e que incluirá asesoramento para a inserción sociolaboral e apoio psicolóxico ás familias.
Este novo proxecto, desenvolvido a través da ONG Ecos do Sur, pretende revitalizar o barrio do Agra do Orzán a través da participación activa da poboación inmigrante que reside na zona, favorecendo a súa integración mediante "o entendemento, o diálogo e a convivencia intercultural", segundo indicou o concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo.
Segundo sinala a casa do concello, o barrio do Agra do Orzán é a zona da Coruña onde conviven máis nacionalidades, con persoas procedentes de 30 países diferentes. Así, neste barrio coruñés vive un de cada dez coruñeses e coruñesas e, dentro del, un de cada dez residentes é de procedencia foránea, explicou Lorenzo.
Recursos gratuítos
Por iso, Agra-Activa permitirá poñer a disposición das e dos inmigrantes que residen no barrio unha serie de recursos gratuítos, entre os que destaca os itinerarios personalizados de inserción sociolaboral ou as iniciativas emprendedoras, coa que recibirán asesoramento de xeito individualizado para a posta en marcha dunha idea de negocio.
Ademais, segundo informa o concello, porán a disposición un equipo de mediadores e mediadoras de diferentes partes do mundo para estimular a comunicación e o entendemento intercultural. Tamén contarán con asesoramento social para explicar ás e aos inmigrantes como acceder aos recursos sociais que teñen á súa disposición.
Fonte e foto: La Opinión de A Coruña
Novas relacionadas