Un total de 247 vítimas de violencia de xénero acceden no que vai de ano ás axudas de pagamento mensual de Igualdade

Perciben estas axudas por un periodo máximo dun ano, en contías que oscilan entre os 300 e os 800 euros ao mes, en función de factores como os ingresos ou o número de fillos ou fillas menores a cargo.

Entre as perceptoras, hai 20 mulleres con discapacidade e 56 son inmigrantes.

No seu conxunto, as beneficiarias destas axudas son nais de 262 menores.

Listen to this page using ReadSpeaker

Xunta de Galicia - Secretaría Xeral da IgualdadeUn total de 247 mulleres vítimas de violencia de xénero teñen accedido no que vai de ano ás axudas da Secretaría Xeral da Igualdade na modalidade de pagamentos mensuais. Son axudas dunha duración máxima dun ano e cunhas contías que oscilan entre os 300 e os 800 euros ao mes, en función dos ingresos da beneficiaria, dos seus fillos ou fillas menores a cargo ou de circunstancias de discapacidade, entre outros factores avaliables. Esta liña de pagamentos periódicos está destinada a mulleres que se atopan nunha situación de dependencia económica do agresor e ten como finalidade garantir unhas condicións suficientes de independencia económica para dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación na que corren perigo.

Do grupo de perceptoras, 93 son residentes na provincia de Pontevedra, 91 na Coruña, 34 na de Lugo e 29 na de Ourense. Delas, un 77,3% son de nacionalidade española -191 vítimas- e o restante 22,7% son inmigrantes -56 mulleres- , principalmente de orixe brasileira, peruana, marroquí e portuguesa.

O perfil de idade maioritario é o de mulleres no rango de 26 a 45 anos, que representa o 62% do total. Tamén a maior parte delas, un 63,6%, son nais, que no seu conxunto teñen 262 fillos e fillas menores.

Violencia de xénero e discapacidade
Da análise dos datos correspondentes aos nove primeiros meses deste ano resulta asemade relevante a presenza de mulleres con discapacidade entre o grupo de perceptoras, que ascende a 20 vítimas. Precisamente, ao obxecto de mellorar o coñecemento e a formación sobre a violencia de xénero contra as mulleres con discapacidade, a Secretaría Xeral da Igualdade vai iniciar o vindeiro 15 de outubro un curso formativo para persoal da Administración autonómica, en colaboración coa Asociacion de Mulleres con Discapacidade de Galicia e coa EGAP, que terá unha segunda quenda a partires do 5 de novembro, nesa ocasión dirixida a profesionais das administracións locais de Galicia.

En ambos os dous casos, os contidos do curso están orientados a dar a coñecer a realidade das mulleres con discapacidade, abordando en catro módulos cuestións relacionadas co xénero e a discapacidade, como o ciclo e etapas da violencia, o sistema sexo-xénero, a sexualidade, a accesibilidade ou as peculiaridades da violencia específica sobre as mulleres con discapacidade.

706 lecturas