Igualdade destina 2,4 millóns a axudas periódicas a vítimas de violencia de xénero

O DOG publicou onte a resolución da convocatoria anual, en réxime de concorrencia non competitiva.

Esta contía representa un crecemento do 13% sobre a convocatoria do ano anterior.

Reflicte o compromiso sostido da Xunta por ofrecer ás vítimas os recursos necesarios para favorecer a súa saída do ciclo da violencia.

Listen to this page using ReadSpeaker

Xunta de GaliciaO DOG publicou onte a Resolución da convocatoria de axudas periódicas de apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero para 2012, en réxime de concorrencia non competitiva, por un importe de 2.396.650 euros. Deste total, 1.276.650 euros impútanse aos orzamentos deste ano e os 1.120.000 euros restantes ao vindeiro exercicio, para o financiamento das axudas que pola súa duración xeren dereitos económicos das beneficiarias durante 2013, tal e como puxo de manifesto onte a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, na rolda de prensa celebrada en Santiago, á que tamén asistíu a subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, Belén Liste.

A contía total representa un incremento do 13% sobre a anterior convocatoria, que estivo dotada con 2.090.000 euros. O crecemento das axudas ten un dobre valor cuantitativo e cualitativo, xa que, “ao producirse no actual contexto de axustes económicos, dixo a titular de Igualdade, pon de relevo o compromiso sostido da Xunta de Galicia por ofrecer ás vítimas os recursos necesarios para favorecer a súa saída do ciclo da violencia” e reiterou a necesidade de que as vítimas presenten denuncia para que se desencadene o protocolo de protección e axudas.

Esta liña de axudas está destinada a mulleres que se atopan nunha situación de dependencia económica do agresor e teñen como finalidade garantir unhas condicións suficientes de independencia económica que lles permitan dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación na que corren perigo.

A contía das axudas, que poden percibirse por un periodo máximo de 12 mensualidades, pode oscilar entre os 300 e os 800 euros mensuais, en función dos ingresos da beneficiaria, dos seus fillos ou fillas menores a cargo ou de circunstancias de discapacidade, entre outros factores avaliables.

Mulleres de 26 a 45 anos, perfil maioritario das beneficiarias
O pasado ano, 251 mulleres vítimas de violencia residentes en Galicia e os seus 255 fillos e fillas menores percibiron esta modalidade de axudas. Delas, un 74,5% eran de nacionalidade española e o restante 25,5% inmigrantes, maioritariamente de orixe brasileira, seguida de colombianas, marroquíes, portuguesas e rumanas. Por provincias, Pontevedra encabeza a listaxe con 107 perceptoras de axudas, seguida da Coruña con 80, Ourense con 34 e Lugo con 30.

O perfil de idade maioritario é o de mulleres no rango de 26 a 45 anos, que representa o 66% do total. Hai 165 beneficiarias que son nais, na maioría dos casos dun ou dous menores, habendo tamén entre as beneficiarias 16 mulleres que son nais de tres ou catro menores.

Mulleres con discapacidade, vítimas de violencia de xénero
Das beneficiarias de axudas periódicas en 2011, un total de 19 eran mulleres con discapacidade e outras 4 eran nais de fillos ou fillas con algunha discapacidade.

48 mulleres recibiron axuda de pagamento único
Amáis desta liña de axudas que se perciben durante doce mensualidades, a Secretaría Xeral da Igualdade ten outra modalidade que se efectúa mediante un pagamento único, cuxa convocatoria para este ano publicarase este mesmo mes por un importe inicial de 300.000 euros, para mulleres que acrediten insuficiencia de recursos e unhas especiais dificultades para obter un emprego.

En 2011 foron perceptoras desta modalidade de axudas 48 mulleres, que no seu conxunto son nais dun total de 74 fillas e fillos. Delas, 24 pertencen á provincia de Pontevedra, 13 á provincia da Coruña, 6 á Lugo e 5 á Ourense, sendo de nacionalidade española o 92% delas.

Neste grupo de beneficiarias, hai 8 mulleres que teñen algunha discapacidade e unha que é nai dun menor con discapacidade.

871 lecturas