Igualdade amplia o presuposto para axudar este ano a 25 novas vítimas de violencia de xenéro, con pagamentos únicos de 7.000 euros
A ampliación da dotación presupostaria, publicada no DOG de onte, ascende a 175.000 euros e supón duplicar o orzamento inicial deste exercicio para esta medida, ata completar un total de 350.000 euros.
Esta liña compleméntase coa de pagos mensuais, que no que vai de ano perciben 158 mulleres.
O Diario Oficial de Galicia publicou onte unha ampliación de 175.000 euros da dotación presupostaria para a liña de axudas de pagamento único da Secretaría Xeral da Igualdade, dirixida a vítimas de violencia de xénero. Con este presuposto ampliado crece un 100% a contía disponible inicialmente para este ano, que era doutros175.000 euros, ata completar un orzamento total de 350.000 euros.
Igualdade solicitou esta ampliación orzamentaria ante a insuficiencia do presuposto inicial para atender o volume de solicitudes presentadas. Ata o de agora, no que vai de ano foron resoltas favorablemente as solicitudes de 24 mulleres, delas 11 da provincia de Pontevedra, 8 da Coruña, 4 de Lugo e 1 de Ourense. A partida da ampliación vai permitir resolver favorablemente a solicitude doutras 25 mulleres, o que dará un total de 49 mulleres que se van beneficiar en 2011 da axuda de pagamento único.
Estas axudas teñen una contía media de 7.000 euros e están dirixidas a mulleres vítimas de violencia de xénero residentes en Galicia, que acrediten insuficiencia de recursos e unhas especiais dificultades para obter un emprego e carezan de rendas que, en cómputo mensual, superen o 75% do salario mínimo interprofesional.
Amais desta liña de pagamento único, Igualdade ten establecida outra liña de pagos mensuais para vítimas de violencia de xénero, que no que vai de ano están a percibir un total de 158 mulleres -68 da provincia de Pontevedra, 48 da Coruña, 23 de Ourense e 19 de Lugo- con contías mensuais que oscilan entre os 300 e os 800 euros, durante un ano.
Novas relacionadas