Serán nulos os votos do exterior que se envíen ás Xuntas Electorais Provinciais
Segundo resolución da JEC, publicada no BOE, que recorda que a lei establece que se remitan aos consulados.
O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou o pasado día 22 unha instrución da Junta Electoral Central (JEC), adoptada na súa reunión do pasado día 20, segundo a cal nas eleccións autonómicas que se celebrará n en Galicia e o País Vasco o próximo 21 de outubro, "os votos remitidos dende o estranxeiro directamente ás Xuntas Electorais escrutadoras en lugar de aos Consulados deben entenderse como nulos por resultar contrarios ao disposto no artigo 75.4 da LOREG". Refírese ao voto do Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA).
A Instrución -2/2012, do 20 de setembro, da Junta Electoral Central-, refírese á interpretación do artigo 75.4 da Ley Orgánica de Régimen Electoral General (LOREG) no referente á validez dos votos por correo das e os electores inscritos no Censo Electoral de Residentes Ausentes que se remitan directamente polo elector ou electora á Xunta Electoral competente, en lugar de facelo aos Consulados.
Recorda que con anterioridade á reforma levada a cabo mediante a Ley Orgánica 2/2011, o artigo 75 da LOREG dispoñía que as e os electores inscritos no CERA podían optar por entregar persoalmente os sobres de votación nos consulados en que estivesen inscritos ou envialos por correo certificado á Xunta Electoral Provincial competente para o seu escrutinio.
Pero a reforma modificou este procedemento e o novo artigo 75 mantén a opción entre o envío por correo dos sobres de votación e a entrega persoal no Consulado no que estea inscrito o elector, " se ben neste último caso coa novidade de que se faga mediante o depósito do voto en urna". No que se refire ao envío do voto por correo, observa, "introduciuse unha reforma substancial consistente en que o sobre dirixido á Xunta Electoral escrutadora debe ser enviado por correo certificado ao Consulado na que o elector estea inscrito, en lugar de facelo directamente á referida Xunta Electoral como sucedía antes da reforma".
Fonte: Crónicas de la Emigración
Novas relacionadas