Amplíase o prazo para solicitar, enviar por correo e depositar en urna nos consulados o voto das e dos galegos residentes no exterior
A Xunta Electoral Central vén de resolver que as e os residentes no estranxeiro, tanto temporal como permanente, poderán pedir a súa participación ata o 16 de xuño.
Mantense o prazo de envío de documentación, entre o 16 e o 22 de xuño.
Tamén se amplía o prazo para enviar o voto por correo aos consulados ata o 11 de xullo, e para depositalo en urna, ata o propio día 12 ás 20 (hora española).
A Xunta Electoral Central vén de acordar a ampliación os prazos de solicitude, envío e depósito do voto das e dos residentes no exterior.
Así, ampliarase o prazo de solicitude do voto dos electores e electoras residentes de forma permanente no estranxeiro (CERA) e das e dos residentes temporalmente no estranxeiro (ERTA) ata o 16 de xuño. Previamente, o límite era o 13 de xuño.
Do mesmo xeito, tamén se amplía o prazo que teñen as e os electores inscritos no CERA para enviar por correo o seu voto aos consulados cando opten por esta opción. Inicialmente, o límite estaba fixado para o 7 de xullo, e agora pasará a ser o sábado 11 de xullo.
As e os inscritos no CERA que opten por votar nos consulados tamén terán máis prazo. En concreto, ata o 12 de xullo ás 20 horas (horario peninsular). O prazo inicial que estaba fixado era entre o 8 e o 10 de xullo. Para cumprir con estas novas medidas, a Xunta Electoral Central determinou tamén que os consulados deberán abrir o sábado 11 e o domingo 12.
Novas relacionadas